Alumnado de Padrón humanizou cun mural o Macías O Namorado

Parte do mural feito no peche frontal do IES Macías O Namorado

Parte do mural feito no peche frontal do IES Macías O Namorado / IES Macías O Namorado

Co obxectivo de humanizar e embelecer o peche frontal do centro, o IES Macías O Namorado de Padrón ampliou o mural escollendo este ano lugares e referencias icónicas da vila tan recoñecibles como o Santiaguiño do Monte, o Pedrón e a barca da Traslatio, a ponte ou o Paseo do Espolón. O ano anterior os motivos centráronse na biografía de Macías O Namorado, e está previsto darlle continuidade nos vindeiros cursos escolares.

Trátase dunha intervención de arte urbana que inclúe pintura e mosaico, empregando materiais de refugallo, pero aportando valor engadido co emprego de restos de cerámica de Sargadelos provintes de descartes da fábrica.

Esta iniciativa ten moita presenza e visibilidade, por estar localizada nunha zona próxima ao río, pola que discorre o Camiño de Santiago e por onde pasean cada día centos de veciños e veciñas, e fai que enorgulleza aos seus autores, todo o alumnado da ESO do Macías (case 200 alumnos e alumnas), así como o alumnado de sexto de Primaria do CEIP Rosalía de Castro.