O marinense Manuel Taboada gañou o campionato galego de tirapedras

Despois del quedaron José Cagide e Fernando Álvarez 

En Infantil impúxose Diego Ramos

Récord de participación en Melide, con 76 tiradores

Este torneo non distingue por sexos  

Un mozo durante o XV Campionato de Tirapedras da Galicia central celebrado en Melide

Un mozo durante o XV Campionato de Tirapedras da Galicia central celebrado en Melide / eliseo trigo-efe

A Praza das Coles do casco vello de Melide retomou, por unhas horas, o seu protagonismo como espazo privilexiado para xogar a unha das disciplinas más igualitarias, xa que non distingue por sexos. Así, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) organizou neste marco o XV Campionato de Tirapedras da Galicia central, cunha participación récord: 76 competidores. O gañador absoluto da presente edición do campionato foi o experimentado tirador de Marín Manuel Taboada Filgueira, clasificándose en segundo e terceiro lugar, respectivamente, o veciño da Coruña José Cagide López e o pontevedrés Fernando Álvarez Rouco. Na categoría infantil impúxose Diego Ramos Maeso, de 11 anos e residente en Santurtzi, ocupando o segundo lugar Danel Pandelo Hernández, de 11 anos e residente en Barakaldo. O terceiro foi o melidao Cibrán Cea García, que tamén ten 11 anos de idade.

Deses 76 tiradores, 25 foron rapaces e rapazas menores de 14 anos, con 26 mulleres anotadas en total. E entre os participantes atopábanse tanto veciños desta comarca “como outras persoas que se encontran pasando as súas vacacións nela, visitantes circunstanciais e incondicionais”, segundo dixo a organización.

Este torneo cumpre as súas primeiras 15 edicións, e concebiuse pola AGXPT nas súas orixes como un xeito de reivindicación dos espazos tradicionais de xogo, nunha vila situada no centro de Galicia que posúe no seu casco histórico infinidade de prazas e recunchos nos que, en tempos, era posible xogar de xeito absolutamente libre. Esa demanda de áreas lúdicas tradicionais forma parte dunha corrente europea que se concreta nalgúns lugares baixo o concepto de cidades educadoras e que talvez en Galicia acadou o seu máis acaído referente teórico coa publicación de A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci (Kalandraka).

Ademais, o torneo foi acadando un peso específico por si mesmo que o leva a contar, ano tras ano, cun número de participantes considerable, tanto de persoas residentes como de visitantes ocasionais ou doutras chegadas especialmente para a ocasión. Unha sa rivalidade existe desde hai anos entre os tiradores e tiradoras avezados, que se retan ano a ano, aínda que a competición acabe sempre entre risos e chanzas nalgúns dos múltiples establecementos hostaleiros que abren nesta vila.

Para a presente edición, a Adega Mandil –establecemento local que demostrou o seu compromiso coa cultura– contribuíu cos trofeos que os gañadores levaron para as súas casas. E o Concello de Melide, asemade, colabora facilitando a infraestrutura do evento, que é apoiado tamén polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, pola Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais e pola Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira.