O Couto, a aldea capital do Festiletras

Artesanía, contos, libros, xogos, obradoiros, música, gastronomía e ciencia enchen de vida o pobo ata o domingo

A festa, que naceu para defender e promocionar a lingua galega hai 41 anos, segue a medrar en contidos

A artista Rozalén protagonizou con Fetén & Fetén o concerto da xornada inaugural

Obradoiro  participativo sobre cestería impartido por Julia de la Cal na aldea do Couto / XUNTA DE GALICIA

Obradoiro participativo sobre cestería impartido por Julia de la Cal na aldea do Couto / XUNTA DE GALICIA / JOSÉ M. RAMOS

A pequena aldea do Couto, en Ponteceso, convertese esta fin de semana na capital das letras galegas con motivo da 41 edición do Festiletras, un encontro que transforma en escenarios multiculturais as rúas e eiras do lugar, ademais da sede da Fundación Eduardo Pondal. Dende hai máis de catro décadas este pobo é por uns días o epicentro da artesanía, a literatura, os xogos, a música, a gastronomía e a ciencia. A inauguración do Mercado da Deputación, a 41 Feira de Artesanía e o espectáculo Universo galáctico dos monicreques Alakrán marcaron o comezo de tres intensas xornadas culturais.

No día de onte achegáronse ao Couto a escritora ceense María Canosa para presentar na Eira de Pailetes Saínza a punkeireteira; Pablo Díaz & Olga Kirk para ofrecer un concerto didáctico; Paco Nogueiras cos seus Contos a centos; Anxo Moure & Irma Macías coa cita musical Os rumorosos; Cé Orquestra Pantasma; Pakolas; e Momboi, Oreka TX e Fetén & Fetén, acompañados da artista Rozalén, que foron os protagonistas do concerto de peche da xornada inaugural. A gastronomía e os xogos contaron cun espazo propio, e sobre a aldea tamén voaron drons.

Omar Rabuñal presentou o documental Que din os rumorosos e á última hora do día celebrouse o encontro interxeracional Que o conten elas, no que se proxectaron mini vídeos de Omar Rabuñal e rendeuse homenaxe a mulleres do rural.

Asemade, a Xunta de Galicia achegou ao Festiletras os oficios tradicionais galegos da man da artesá Julia de la Cal, que impartiu un obradoiro participativo sobre cestería a partir dunha técnica intuitiva de tecido ao azar, tamén chamada técnica niño, pois está inspirada na natureza (en como os paxaros tecen os seus niños). Unha actividade que espertou o interese de nenos e maiores que gozaron tecendo e entrelazando varas de vimbio entre todos. O obxectivo de iniciativas coma esta “é trasladar o saber facer do sector artesán galego e contribuír á difusión do valor engadido dos produtos artesanais”, subliñan dende a Consellería de Industria e Innovación.

Este sábado, a partir das 11.00 horas, reabrirán as portas o Mercado da Deputación e a Feira de Artesanía, e celebrarase na lareira da Fundación Eduardo Pondal un novo encontro de Aldeas Singulares e de Espazos Literarios. A Banda de Gaitas Inllar, Os Quinquilláns, Blues do País, Xa Era Hora, Mini e Navia Rivas, Amorante, Faíscas da Pontraga, Lucía Aldado, Bestas, Moura, Catuxa Salom, Familia Caamagno, Exkorzo e Thores + The Shine animarán musicalmente a xonrada.

O Festiletras rematará o domingo, día 3, con máis música e teatro a cargo de Os Viqueiras de Ordes, Os Farrapos, Tandub, Lambatumbá, Berlai, Teté Teatro, Mozos de Donaire, Mallou e Xabier Díaz e amigos.