Oito concellos de Área e 1.400 escolares únense na defensa do mar e as praias do litoral coruñés

Participarán nun proyecto promovido pola Deputación e Surf and Clean

Limparán cincuenta praias de Costa da Morte e Ferrolterra

Analizarán os refugallos co fin de propoñer medidas para diminuír a contaminación

Algúns dos escolares que participaron o ano pasado no programa ‘Defende o mar a través do surfing’, impulsado pola Deputación

Algúns dos escolares que participaron o ano pasado no programa ‘Defende o mar a través do surfing’, impulsado pola Deputación / d. coruña

Máis de 1.400 alumnos e alumnas participarán este ano no programa medioambiental Defende o mar a través do surfing, unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña que intenta transmitirlle aos escolares a importancia de coidar o medio mariño.

As accións terán lugar nos centros escolares e praias, fundamentalmente das comarcas da Costa da Morte e Ferrolterra. En concreto, as actividades levaranse a cabo nos municipios de A Laracha, Carballo, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Zas, Camariñas, Mugardos, Miño, Valdoviño e Ferrol.

“As accións estarán inspiradas nos valores ecoloxistas do surf e pretenden concienciar aos escolares da importancia que os pequenos xestos individuais teñen para axudar a preservar un recurso tan valioso para a nosa provincia como o noso medio mariño.”, explicou a deputada responsable de Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García López. Sinalou ademais que “todos podemos pór o noso pequeno grao de area para coidar do mar e as praias e iso é o que aprenden os alumnos e alumnas que participan neste programa que desde hai catro anos conta co apoio da Deputación da Coruña”, subliñou.

O responsable do proxecto, David Blanco, destaca a importancia de concienciar aos escolares de manter o noso patrimonio natural. “Esta iniciativa tenta chegar aos concellos rurais con menos habitantes, municipios con menos oportunidades, coa intención de transmitir a importancia de conservar o noso medio mariño, que é parte fundamental da nosa cultura”.

No conxunto do programa destacan as actividades nas praias, nas que os escolares terán unha conexión directa co medio mariño traballando conceptos como a enerxía das ondas, os seres vivos destes hábitats e os perigos que ameazan o ecosistema do litoral. Nesta ocasión os alumnos e alumnas farán unha análise dos refugallos mariños atopados na praia co fin de propoñer medidas para diminuír a presenza desta ameaza nos areais. Este ano os escolares farán a limpeza dun total de 50 praias do litoral, o que lles permitirá coñecer datos desta problemática nos concellos implicados.

Blanco destaca entre as iniciativas do proxecto a plataforma en liña, con presentacións e exercicios destinados a transmitirlle aos escolares o vínculo do surf co mar. Nesta plataforma inclúese un concurso de debuxo no que os escolares plantexan solucións á polución provocada polos plásticos ou ao abuso dos recursos pesqueiros, entre outras cousas.

Outra das novidades deste ano será unha ferramenta educativa e promocional do proxecto denominada O encontro. Nesta ocasión narrará a lenda dunha orca que pide auxilio a unha embarcación pesqueira. “Unha situación que recentemente se deu nas nosas costas polo que aínda que se trata dun conto sabemos que existen este tipo de casos constatados polos biólogos mariños do Cemma”, apunta David Blanco.

A principal intención desta ferramenta é concienciar aos escolares, concellos e colexios da importancia de conservar o medio e as especies que o habitan.