Santa Minia 2023

O Concello de Brión repartirá tapavasos antidrogas durante a Romaría de Santa Minia

Forma parte dunha campaña de sensibilización e prevención da submisión química que o Concello acometerá a través dun Punto Lila

A música de Mercedes Peón conquista a carballeira de Santa Minia no primeiro día da Romaría

Tapavasos que se repartirán durante a romería de Santa Minia en Brión

Tapavasos que se repartirán durante a romería de Santa Minia en Brión / Concello

El Correo Gallego

O Concello de Brión inicia hoxe domingo unha campaña de sensibilización e prevención da submisión química na Romaría de Santa Minia. “Imos repartir tapavasos antigrogas e pallas de papel por todas as barras das cantinas para que quen queira poida collelas e levar así sempre o seu vaso tapado, sen risco de que ninguén poida introducir substancias na consumición doutra persoa”, explica a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero.

Os tapavasos levan impreso un código QR dende o cal se accede a información relativa á submisión química: que é, cales son os síntomas habituais, como se debe actuar ante a sospeita de estar baixo os efectos e o teléfono de emerxencias. A iniciativa do Concello de Brión conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e da Deputacíon da Coruña.

Os tapavasos levan impreso un código QR dende o cal se accede a información relativa á submisión química

Os tapavasos levan impreso un código QR dende o cal se accede a información relativa á submisión química / Concello

A maiores, o Concello de Brión montará o Punto Lila na finca a carón das polbeiras, onde actuarán as orquestras, que estará aberto de 21:00 horas ata que rematen as actuacións, entre as dúas ou tres da madrugada. Estará atendido en todo momento por dúas persoas con formación en igualdade e prevención das violencias de xénero. “O obxectivo é sensibilizar, informar e concienciar á sociedade da necesidade de que esta Romaría de Santa Minia siga sendo un espazo libre de violencia de xénero”, apunta Romero Fariña.

Inicio da Festa

Onte sábado arrincaron cinco días de festa en Brión da man da música galega, primeiro da man das escolas de Danza e Música Tradicional do Concello de Brión e despois do concerto de Mercedes Peón, dentro da súa xira Ingrávida. Unha actuación a cabalo entre o acústico e a electrónica na que Peón estivo acompañada polos grupos de pandeireteiras Raigañas e Xirifeiras, por voces de Concerto Tempo, Polo dúo Caaamaño & Ameixeiras, e por Mónica de Nut e Ana Fernández. Un concerto financiado grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

Actuación de Mercedes Peón

Actuación de Mercedes Peón / Concello

Á espera da chegada dos tradicionais postos de venda, que na súa maioría o farán entre a tarde do martes e a mañá do mércores 27, en Brión xa están instaladas as tradicionais polbeiras, que dende o venres non deixaron de serviren churrasco e, sobre todo, polbo, pois vir comer o polbo a Santa Minia converteuse nestas décadas nunha tradición tan seguida como o de visitar o féretro da Santa no seu día. As que tamén xa están operativas son as atraccións infantís, que volven estar emprazadas na finca fronte ao centro social polivalente, ao pe da avenida de Santa Minia.

As tradicionais polbeiras en Santa Minia

As tradicionais polbeiras en Santa Minia / Concello

Hoxe domingo foi a quenda dunha sesión vermú a cargo de “Os Tristes”, un espectáculo cómico-musical dos actores Federico Pérez e Marcos Pereiro. Pola tarde, a praza do Concello acollerá o espectáculo de maxia “Trapalladas ben feitas”, da man dos magos Martín Camiña e Fani. Unha hora despois, a carballeira de Santa Minia será escenario dunha nova edición do Festival de Bandas de Música, coa actuación da Banda Municipal de Música de Brión e da Banda de Música de Arca. Pechará a xornada a verbena da orquestra Compostela a partir das 21:30 horas.

Para mañá luns 25 de setembro está previsto un novo espectáculo de maxia dirixido ao público infantil ás 19:00 horas na praza do Concello. Desta vez será o Mago Teto quen presente “Rock n magic”, un espectáculo que mestura o rock e a maxia. A verbena nocturna correrá a cargo da orquestra Capitol, ás 22:30 horas.

No que atinxe aos actos relixiosos, a novena continúa ata o luns, con misas todos os días ás 10:00 e 20:00 horas.