Seis concellos únense na busca de novos acuíferos en Bergantiños

Pese á mellora das reservas, Cabana, Carballo, Malpica, Coristanco, A Laracha e Ponteceso non baixan a garda e manteñen restricións

Teresa Gutiérrez, no centro da mesa, presidindo a xuntanza

Teresa Gutiérrez, no centro da mesa, presidindo a xuntanza / Xunta

A Xunta trasladoulle este mércores aos concellos da comarca de Bergantiños a mellora da situación das reservas de auga como consecuencia das últimas choivas. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou cos concellos do sistema de abastecemento do río Anllóns (costa da Coruña ata o límite de Arteixo) a situación das reservas de auga e as medidas para unha mellor xestión da alerta por escaseza activada. En concreto, participaron na reunión representantes dos municipios da Laracha, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Carballo, Coristanco e Malpica.

A Oficina Técnica da Seca, na súa última reunión, acordara activar este estado nos municipios dependentes dos citados sistemas de abastecemento, tras avaliar os indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos das últimas semanas.

Na reunión deste mércores, Augas de Galicia trasladou que a situación está mellorando coas precipitacións destes últimos días, pero é preciso que os municipios coñezan de primeira man a situación, promovendo a coordinación entre administracións e o emprego de ferramentas para xestionar eventos de seca.

Nesta zona as principais captacións están no río Anllóns ou en afluentes deste río, polo que é fundamental a coordinación entre todas elas, para garantir un caudal mínimo nas situadas augas abaixo e respectar os caudais ecolóxicos.

Na reunión, os concellos acordaron manter as medidas de aforro de supresión de baldeo de rúas, eliminación de regos de xardíns e apagado de fontes ornamentais.

Ademais, consideraron convinte traballar conxuntamente de cara á localización de posibles reservas de auga alternativas, que lle trasladarán a Augas de Galicia para que avalíe a súa viabilidade. Os municipios que se abastecen do Anllóns tamén avogaron por avanzar no deseño dunhas ordenanzas que lles permitan ter unha política de prezos dos servizos da auga máis igualitaria.

A directora de Augas de Galicia puxo en valor a importancia dos plans municipais de emerxencia que foron redactando os concellos grazas ás axudas autonómicas.

Así, sinalou que Cabana de Bergantiños e A Laracha, pese a non estar obrigados a dispoñer do plan por ter menos de 20.000 habitantes, contan con este instrumento e, polo tanto, están mellor preparados para xestionar estas situacións.

Finalmente, a representante de Augas de Galicia reiterou a necesidade de adoptar medidas de concienciación e sensibilización á cidadanía para favorecer o aforro de auga, evitando malgastala. Tamén avogou por manter as medidas de redución de consumo por parte dos concellos e un uso responsable da auga por parte de toda a cidadanía.