Manuel López Rodríguez leva o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro

O noiés foi recoñecido pola súa obra 'Palabras do sur' entre os corenta poemarios presentados

O acto oficial de entrega do certame terá lugar o vindeiro, 9 de decembro, no CPI de Dodro

Manuel López Rodríguez, premio de poesía Lorenzo Baleirón 2023 en Dodro

Manuel López Rodríguez, premio de poesía Lorenzo Baleirón 2023 en Dodro / Concello

O xurado do XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, decretou como gañador ao poeta noiés Manuel López Rodriguez coa obra 'Palabras do sur'.

O xurado elixiu o traballo de Manuel López Rodríguez entre os corenta poemarios presentados ao concurso. Así, os xuíces destacaron 'Palabras do sur' pola consistencia do proxecto, tanto a nivel estrutural como polo que respecta a cada poema en particular, así como unha complexidade que dá pé a varios niveis de lectura “Estas varias capas de lectura están, ademais, avaladas por unha pluralidade de recursos que consegue crear unha atmosfera coherente ao longo de toda a obra”. Esta edición do premio estivo coordinado pola poeta Elvira Ribeiro e formaron parte do xurado as escritoras Chus Nogueira, Lorena Souto e Brenda Mondelo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.

O gañador do XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Manuel López Rodríguez, naceu en Noia e comezou a escribir poesía con dezaseis anos. Foi cofundador do Colectivo Literario Sacou, da Asociación Cultural Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso. Ten publicadas numerosas obras como: 'Antítese nativa' na editorial Acha Escrava; 'Rompe' en Urutau Editora; 'Desde onde non nace' e 'Vangarda ule' en Medulia Editorial; 'Nas pulsacións' en Espiral Maior; 'Para que non me esqueza' en Edicións Fervenza; 'Baixo terra. No ar' en Xerais; 'O cemiterio. A néboa' en Edicións Fervenza; 'A flor da letra (Estampa de lectura con percusión, para nenos e nenas)' en Edicións Embora; 'Neste mesmo intre' pola Deputación da Coruña; e 'Cruceiro' na Editorial Caldeirón.

Ao longo da súa traxectoria literaria recibiu, entre outros, os seguintes galardóns: XIV Premio de poesía Suso Vaamonde, Premio López Ardeiro de Poesía (2019), II Premio de Poesía Eduardo Pondal, Premio de poesía Concello de Carral (2020), Premio de poesía Avelina Valladares (2021, 2022 e 2023), XXVI Certame de Poesía Francisco Añón e o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía. O acto oficial de entrega do certame terá lugar o vindeiro, 9 de decembro, no CPI de Dodro. “As palabras do sur” de Manuel López Rodríguez será publicada no ano 2024, nunha editorial de recoñecido prestixio.