A Xunta expón a aprobación inicial do plan estruturante do polígono de Coristanco

Plano do futuro polígono de Coristanco.

Plano do futuro polígono de Coristanco. / Xunta

A Xunta avanza na tramitación do futuro parque empresarial de Coristanco, que será o primeiro deste municipio, coa publicación este venres no Diario Oficial de Galicia do anuncio polo que se somete a información pública a aprobación inicial do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) que permitirá o seu desenvolvemento.

Durante un prazo de 20 días hábiles, todos os interesados poderán presentar as alegacións, documentos e xustificantes que estimen pertinentes ao referido plan.

O futuro polígono é unha das actuacións previstas no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia. Localizado na parroquia de Oca, no enlace entre as estradas AC-552 e AG-55, desenvolverase en dúas fases. A primeira abranguerá 64.000 m2, na que se incluirán as parcelas necesarias para atender as necesidades actuais das empresas así como as zonas comúns, viarios e servizos. A previsión é que poida chegar ata os 173.000 metros, en función de como evolucione a demanda.