Ribeira encabeza os varamentos en Galicia no 2023 con sesenta e tres exemplares recollidos nos seus areais

A cifra total do ano pasado alcanza os 714 animais

Apenas 46 deles foron rexistrados con vida e puideron ser reintroducidos

Exemplar de cetáceque apareceu nunha praia de Ribeira, o municipio con máis varamentos

Exemplar de cetáceque apareceu nunha praia de Ribeira, o municipio con máis varamentos / CEDIDA

Gabriel Fernández Blach

A CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) publicou esta semana a avaliación de varamentos no ano 2023. Neste documento a organización dá conta das especies mariñas recollidas nos areais galegos ao longo do ano. A cifra total de varamentos alcanza os 714 exemplares. Isto representa un aumento de máis do dobre sobre a media anual dos últimos 30 anos, que se atopa en 270 exemplares. Dende a CEMMA, o biólogo Alfredo López define a cifra como “nefasta”. Das especies rexistradas, o 86% son cetáceos, aínda que tamén apareceron tartarugas, peixes e lontras, entre outras.

No relativo aos concellos, Ribeira é o municipio que máis varamentos recibiu con diferenza, 63 animais recollidos na súa costa. Na listaxe séguenlle con máis de 20 casos Ferrol (43), Porto do Son (37) e Carnota (34), entre outros. As cifras adoitan ser máis altas nos municipios ubicados nas entradas das rías, fronte aos que se atopan cara dentro. Entre os casos coñecidos, a maioría son golfiños, representando o 63% , seguidos dos arroaces. Alfredo López destaca que “é común que destaque esta especie, pero non tanto como agora”.

No momento de analizar os varamentos dos cetáceos púidose observar a presenza de plásticos inxeridos como causa da morte dos animais. Ademais, o 92 por cento dos exemplares apareceron sen vida, fronte aos 46 que puideron ser reintroducidos no mar, sobrevivindo na súa maior parte. Dentro das causas do falecemento das especies mariñas, o 40% puideron morrer por captura accidental dalgún buque pesqueiro. O resto deberíanse a causas naturais pola imposibilidade de regresar ao mar. “De cada exemplar que chega á costa, hai catro que quedaron atrás”, afirma Alfredo, en relación aos animais varados que teñen que recoller na costa.

A curva de varamentos que se reflicte durante o 2023 é diferente aos anos anteriores. O común é que estes fenómenos teñan subidas e baixadas segundo a época do ano, disminuíndo cara o verán e aumentando no inverno. Neste caso obsérvase unha afluencia alta continua, pero que aínda así ten picos como en decembro. Neste mes tiveron lugar varamentos múltiples, rexistrándose na Ría de Arousa máis de 40 en 15 días. López afirma que “houbo días con máis de 20 varamentos”. Esta situación súmase á imposibilidade de poder abarcar tódolos exemplares dende CEMMA, debido á falta de persoal e o tamaño do territorio. “Somos catro persoas e faríanos falta un mínimo de 16 para atender a todo”, subliña o biólogo.

Co gallo do aumento das cifras de varamentos mariños, o CEMMA fai fincapé en como hai que actuar se alguén se atopa cun animal na praia. “Habería que chamar aos servizos de emerxencia mediante o 112”, explica Alfredo. A axuda pode vir incluso das testemuñas que se atopan coa situación nos areais, xa que poden “quitar fotografías e indicar a localización para facilitar o traballo de análise”, deixan claro no CEMMA.