Cinco persoas feridas en dous accidentes múltiples en Boiro e Porto do Son

O primeiro sucedeu na autovía AG-11 á altura da parroquia de Cespón, con cinco vehículos involucrados

Ao mediodía, na AC-550, outros tres turismos colisionaron cando circulaban pola parroquia de Noal

Colisión múltiple na autovía AG-11, ao seu paso por Boiro

Colisión múltiple na autovía AG-11, ao seu paso por Boiro / ADC Bombeiros Boiro

J. M. Ramos

Unha colisión múltiple entre cinco vehículos na autovía AG-11, ao seu paso por Boiro, saldouse con tres persoas feridas, aínda que o seu estado non revestía gravidade. Segundo informa o 112 Galicia, o accidente rexistrouse ás 7.30 horas no quilómetro 21, ao seu paso pola parroquia de Cespón.

Un dos implicados avisou a Emerxencias informando que batera con algo na estrada, aínda que non sabía especificar o que, e debido a isto varios vehículos colisionaron con el. Tamén comunicaba que non podía confirmar se nos outros turismos había persoas feridas ou atrapadas.

Deseguido, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Boiro, dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil de Boiro.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que tres persoas tiveron que ser trasladadas, aínda que o seu estado non revestía gravidade, e que finalmente foron cinco os vehículos implicados no accidente, os cales entorpecían a circulación xa que estaban ocupando ambos carrís da autovía.

E ás 13.00 horas unha nova colisión múltiple, neste caso de tres vehículos na AC-550 ao seu paso por Noal (Porto do Son) saldouse con dúas persoas trasladadas ao Hospital de Barbanza. Un particular alertou aos xestores do 112-Galicia solicitando a intervención do persoal sanitario de Urxencias de Galicia-061 debido a que había persoas feridas, aínda que estaban todas accesibles e liberadas.

Decontado, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Ribeira, ao GES de Noia, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.