Carballo planifica unha vellez máis activa para o 31% dos seus veciños

Preto dun terzo da poboación do municipio supera os 60 anos

Investirán medio millón en actividades para mellorar a súa calidade de vida

Sesión de baile para maiores no Pazo da Cultura de Carballo

Sesión de baile para maiores no Pazo da Cultura de Carballo / Concello de Carballo

J. M. Ramos

As persoas maiores de 60 anos representan o 31,59% da poboación do Concello de Carballo. Mellorar a súa calidade de vida, aproveitar o seu potencial como xeradoras de benestar e implicalas nos procesos de participación son os tres grandes obxectivos dos programas de envellecemento activo que vén desenvolvendo a administración local, que nos próximos catro anos dedicará máis de medio millón de euros a promover o envellecemento activo da súa veciñanza.

O contrato atópase en fase de licitación e inclúe obradoiros de memoria, capacitación tecnolóxica, lúdico-formativos e bailes, que se sumarán ao programa de exercicio físico.

“O envellecemento paulatino da poboación evidencia a necesidade de levar a cabo políticas sociosanitarias orientadas a atender ás persoas maiores. A atención a este colectivo é unha prioridade para as áreas de Terceira Idade e Servizos Sociais do Concello de Carballo, nas que traballamos desde unha perspectiva de prevención orientada cara a saúde como concepto integral: física, psicolóxica e social”, afirman dende do goberno carballés.

Nestes momentos está en marcha o programa de exercicio físico para maiores, no que participan 600 persoas repartidas nunha vintena de grupos en 12 parroquias. E ademais acaba de saír a licitación un novo contrato que inclúe algunhas das actividades que xa se veñen realizando tradicionalmente, como os bailes semanais, propostas máis recentes que cada vez teñen máis demanda, como os obradoiros de memoria, e novas actividades enfocadas á capacitación tecnolóxica, por unha banda, e lúdico-formativas, por outra.

O investimento previsto acada os 230.000 euros que, sumados aos destinados ao programa de exercicio físico, supoñen máis de medio millón de euros para os vindeiros catro anos. Dadas as especificidades de cada actividade, o contrato divídese en catro lotes, polo que as empresas e entidades interesadas poderán optar aos que consideren.

Un dos lotes é o de bailes, que se celebrarán todos os domingos desde setembro ata xuño. Outro é o de actividades de estimulación cognitiva, que teñen como obxectivo promover talleres de memoria con diferentes niveis desde outubro ata xuño.

Asemade, o plan contempla talleres lúdico-formativos, que inclúan actividades de benestar, saúde ou nutrición, de ocio e de manualidades que contribúan a traballar a psicomotricidade fina. Desenvolveranse de outubro a xuño, tamén en distintos centros sociais. O cuarto lote é o de actividades de capacitación tecnolóxica, que se centrarán, fundamentalmente, no uso dos teléfonos móbiles, con distintos niveis de formación segundo as necesidades.