As ricas filloas á pedra da Baña mobilizaron dez mil persoas
Vinte filloeiras traballaron a pleno rendemento durante toda a xornada
A pregoeira Elena Ferro pediulle ás novas xeracións que miren por conservar esta tradición
Música, artesanía e demostracións de oficios tradicionais completaron a cita
AFesta da Filloa da Pedra da Baña volveu ser un éxito na súa vinte edición, a primeira na que o Concello se fixo coas rendas da organización e puxo en funcionamento no pavillón de San Vicenzo un total de vinte pedras de propiedade municipal.
Unhas filloeiras que traballaron a pleno rendemento todo o día. Ao longo de toda a xornada repartíronse máis de 6.000 filloas, e dende a organización cifran en 10.000 as persoas que visitaron A Baña este domingo.
Vinte edición da Festa da Filloa da Pedra da Baña
A festa, con vocación dinámica e participativa,tivo como pregoeira á zoqueira Elena Ferro, quen pediu ás novas xeracións que miren por conservar esta tradición, que é “parte da nosa cultura”. Ademais de dirixirse aos asistentes, Ferro animouse tamén a facer filloas e levou para a súa casa unha pedra, obsequio do Concello da Baña, para seguir desfrutando deste manxar. Acompañárona no acto o alcalde, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González.
Os actos festivos comezaron ás 9.30 horas coa apertura dun mercado de artesanía. Máis de trinta expositores ofreceron todo tipo de produtos nunha carpa situada a carón do polideportivo. Tamén a esa hora comezaron a funcionar as pedras para atender as demandas do público durante todo o día. Nesta ocasión as prezadas filloasservíronse a un euro a unidade e cun límite de cinco por persoa. Os que o desexaron acompañaron o manxar bañense con racións de chourizo e orellas. Asemade, a cita contou cunha polbeira para os que optaron por gozar dun xantar en familia.
Música e artesanía
Para complementar a degustación, o Concello da Baña programou actividades de diversa índole, co fin de entreter os asistentes de todas as idades durante a longa xornada. Así, e tanto pola mañá como pola tarde, o público puido desfrutar de demostracións en vivo de oficios tradicionais a cargo de artesáns que traballan a forxa e o torno de ballesta, ademais de tallar madeira ou facer sancosmeiros.
Entre as actuacións musicais, destacaron as propostas da Escola de Música Tradicional da Baña e de agrupacións da contorna. Gaiteiros e pandeireteiras interpretaron os primeiros sons tradicionais e amenizaron tamén a tarde xunto á agrupación coral CantoenCanto. Estiveron apoiados na por charangas ben coñecidas polos seus animados espectáculos de rúa, como os dos Celtas, que conta con integrantes da Baña; dos Tabernícolas de Leiradal e dos nicrarienses que forman a Mekanica Rolling Band.
Unha das novidades con respecto a edicións anteriores foi a actuación ao mediodía do grupo Río de Anxo polas rúas de San Vicenzo, levando a Festa da Filloa máis alá da contorna do pavillón coa idea de animar a veciñanza e a clientela dos locais de hostalería da capital da Baña. O público miúdo tamén tivo un espazo infantil de seu na Festa da Filloa da Pedra, e pola tarde as familias ao completo poideron gozar do espectáculo de Cé Orquestra Pantasma e tamén de xogos populares.
Tres áreas de estacionamento
Co fin de facilitar o acceso e o desfrute da festa, O Concello da Baña habilitou tres áreas de estacionamento. Unha, detrás da escola de música Emilio Andújar; outra, fronte á nave municipal; e unha terceira, ao lado do río, o que favoreceu a mobilidade dos asistentes.
Temas
Más en Área
-
Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar
-
Iago Toba denuncia que BNG, PP e Independientes negocian una moción de censura en Muxía
-
El festival Bacanito, que se celebrará en Boiro los días 12 y 13 de julio, confirma ya un cartel de 19 DJ’s
-
O melidense Vicente Vázquez Vidal gaña o premio Francisco Añón de poesía na categoría de maiores de 18 anos