O Polo de emprendemento de Coristanco leva asesorados xa 166 proxectos, un 56% de mulleres

O 17% das iniciativas son de remuda // Realizáronse 860 titorías // Elena Rivo visitou as instalacións dunha rede que ten 13 centros

Elena Rivo durante a visita a un centro educativo que xestiona a Fundación EFA Fonteboa Coristanco

Elena Rivo durante a visita a un centro educativo que xestiona a Fundación EFA Fonteboa Coristanco / Cedida

José Manuel Ramos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou este luns o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco, que forma parte da rede coa que a Xunta está a prestar asesoramento individualizado e gratuíto aos proxectos empresariais en calquera fase en que se atopen.

Rivo, ademais do polo, visitou un centro educativo que xestiona a Fundación EFA Fonteboa Coristanco, a entidade sen ánimo de lucro que tamén se encarga da xestión do polo e que ten como obxectivo principal dinamizar o rural a través da educación. A conselleira sinalou a “importante aposta” da Administración autonómica polo emprendemento a través dos polos que xa contan con 13 oficinas. O de Coristanco leva realizadas 860 titorías e asesorado 166 proxectos desde a súa posta en marcha, dos que un 56% están impulsados por mulleres. En canto ás idades das persoas emprendedoras, o 58% atópase nunha franxa de entre 35 e 52 anos. Por sectores, os proxectos pertencen aos servizos (18%), seguido da agricultura, gandería, silvicultura e pesca (17%) e hostalería (15%). 

Rivo tamén salientou o obxectivo principal da Rede de polos, que é o de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación, especialmente no rural. Entre as novas funcionalidades, a rede está a dar apoio a través dun Plan de remuda xeracional para garantir o mantemento dos negocios, poñendo en contacto persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo. No Polo de Coristanco un dezasete por cento dos proxectos que recibiron asesoramento son de remuda. 

TRASPASAR OU COLLER AS RENDAS. Á web activa da Xunta (https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios) poden acceder as persoas que precisen traspasar a súa empresa e as que desexen coller as rendas dun negocio en traspaso. “O obxectivo é facilitar a continuidade de empresas en Galicia e, polo tanto, o progreso e futuro da Comunidade galega”, dixo ao respecto a responsable de Promoción do Emprego e Igualdade.