A Vía Céltica recupera dous tramos de orixes históricas ao seu paso por Berdoias, en Vimianzo

O Concello acondicionou e limpou os novos itinerarios

Foron descubertos despois dun labor de investigación

Un dos novos tramos acondicionados na Vía Céltica en Vimianzo

Un dos novos tramos acondicionados na Vía Céltica en Vimianzo / Vía Céltica

J. M. Ramos

O Concello de Vimianzo vén de rematar os traballos de limpeza dos dous novos itinerarios da Vía Céltica que conflúen en Romar, na parroquia de Berdoias, e que foron descubertos recentemente pola asociación promotora deste roteiro de peregrinaxe.

O seu director, Manuel Amigo, asegura que buscaron novas opcións “xa que os camiños anteriores eran perigosos ao pasar directamente pola estrada e, a base de investigar, ler documentos antigos e buscar rutas en mapas, atopamos dous percorridos que conflúen en Romar e teñen orixes históricas vencelladas ao Camiño”.

O Concello acometeu os traballos de acondicionamento, que incluíron o desbroce e a limpeza da maleza existente. “Unha obra de gran delicadeza, xa que en gran parte do percorrido non podía accederse con maquinaria pesada, tendo que facerse de xeito manual”, afirman. Pola súa banda, a asociación Vía Céltica sinalizou e incluíu estas rutas no track oficial.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que “son dous itinerarios moi bonitos, nos que a natureza é a gran protagonista”.

TEMAS