MAR

Camariñas auxilia o marisqueo con 3.000 euros para semente

A alcaldesa pide á Xunta que se involucre na búsqueda dunha solución para o sector

O BNG demanda tamén da Consellería do Mar apoio para repoboar os bancos de marisco

Mariscadores de Camariñas faenando en el banco de A Basa

Mariscadores de Camariñas faenando en el banco de A Basa / J. M. Ramos

J. M. Ramos

O Concello de Camariñas move ficha para atender a chamada desesperada de axuda por parte da agrupación local de mariscadoras, e no pleno do vindeiro día 31 de maio aprobará unha subvención nominativa para a confraría por importe de 3.000 euros, destinados á compra de semente de ameixa e berberecho para seguir tentando recuperar os bancos de marisco.

A alcaldesa, Sandra Insua, asegura que este “é un sector fundamental” para a economía local e, despois das reunións mantidas cos directivos da confraría e da agrupación de mariscadores, “acordamos habilitar esta axuda, aínda que non é a solución ao problema”, sinalou. Considera que é a Xunta a que debe involucrarse na búsqueda de alternativas ante a falta de recursos nos bancos marisqueiros de Camariñas.

Cómpre lembrar que o pasado mes de abril o colectivo de mariscadores denunciaba que se atopa nunha situación crítica, non só pola mortandade de ameixa e berberecho, senón tamén porque non se está a producir unha rexeneración natural do marisco, e por iso demanda que se fagan estudos para determinar as causas desta situación, que pon en perigo a supervivencia do sector.

Ademais, a confraría carece de recursos para mercar semente coa que repoboar as áreas marisqueiras, e moitos dos profesionais non teñen ingresos dende hai varios meses.

Ao respecto, o BNG, a través do deputado Óscar Insua, presentou no Parlamento galego unha iniciativa para instar á Xunta a pagar as axudas a mariscadores e mariscadoras de a pé e embarcacións con permex de Camariñas. Asegura que “aínda non percibiron os importes das axudas polo parón de actividade”.

Ínsua asegura que “aínda hai 15 mariscadoras de a pé e 21 embarcacións que non cobraron a axuda públicada en plena campaña electoral”.

Non obstante, desde a Consellería do Mar aseguran que esas cifras non coinciden coas que manexan na Xunta. Sinalan que na lista de beneficiarios constan 52 mariscadores a pé e 13 buques. Dos primeiros “46 xa cobraron” e tamén 10 barcos “polo que só 6 mariscadores e 3 buques non recibiron a axuda”.

Aclaran ademais que, dos seis que non a percibiron, “só un presentou a solicitude, e aínda está pendente de pago porque debe acreditar estar ao día das súas obrigas tributarias”. No caso dos barcos, igualmente só un tramitou a petición, pero neste caso “é posible que sexa rexeitada, xa que obtén ingresos por outras prestacións que superan os límites para a súa concesión”, afirman dende Mar.

A proposta dos nacionalistas tamén inclúe unha petición para que se proporcione á confraría a semente necesaria para repoboar e recupar os bancos marisqueiros.