URBANISMO

Vinte e dúas actuacións contra o impacto paisaxístico en vivendas e bens públicos de Costa da Morte

Cabana acondicionará a escola da Piolla, a reitoral de Nantón e a fonte de Mata

Cee cubrirá os contedores do lixo en Ameixenda

De Salvador, esquerda, Muíño, Do Campo e Allo na casa reitoral de Ameixenda, en Cabana

De Salvador, esquerda, Muíño, Do Campo e Allo na casa reitoral de Ameixenda, en Cabana / X.

J. M. Ramos

A Costa da Morte recibirá axudas por valor de máis de 100.000 euros para corrixir impactos paisaxísticos en 20 vivendas particulares e inmobles e bens municipais dos concellos de Cabana e Cee. Así o confirmou este venres a delegada da Xunta, Belén do Campo, durante a súa visita ao municipio cabanés, onde estivo acompañada polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de Galicia, Enrique de Salvador, o alcalde, José Muíño, e o concelleiro Carlos Allo.

Alí visitaron a reitoral de Ameixenda (Nantón), na que se acondicionará o exterior e a cuberta, e a escola da Piolla, na que se renovarán os acabados exteriores. Ademais, o Concello de Cabana mellorará a fonte da Mata. Contará cunha axuda de 32.000 euros para acometer as tres actuacións referidas.

Outro dos concellos beneficiarios é o de Cee, que recibirá 12.345 € para cubrir os contedores do lixo de Ameixenda, segundo confirmou a alcaldesa, Margarita Lamela. Unha actuación que vén complementar a cubrición dos colectores do casco urbano de Cee e os de Lires, por onde discorre o Camiño xacobeo.

Do Campo explicou que no ámbito de Bergantiños e Costa da Morte concedéronse outras 20 axudas a particulares de Cee, Coristanco, A Laracha, Muxía e Zas, que ascenden conxuntamente a case 60.000 euros.

A delegada explicou que na convocatoria deste ano aprobáronse en Galicia 50 axudas a concellos -para 64 actuacións- e máis de 340 a particulares, ata esgotarse os 2 millóns de euros orzamentados: un millón para as entidades locais e outro millón para os particulares . As subvencións cobren ata o 70% do orzamento subvencionable “para seguir promovendo o fermosismo” e brindar apoios para “corrixir edificios mal conservados ou que afean a paisaxe e as contornas”, afirmou.

Este é o cuarto ano consecutivo que o Goberno galego aposta por este programa, impulsado en 2021 polo Instituto de Estudos do Territorio. Neste senso, Enrique de Salvador sinalou que nos últimos catro anos concedéronse 2.374 axudas por valor de 9,6 millóns de euros.