Deporte Santiagués

Borja Golán, Edurne Pasabán e Toni Nadal, grandes protagonistas do Foro Tech Deporte&Empresa

O xogador de squash recibiu unha placa como homenaxe ao ser recoñecido como o mellor español da historia na modalidade

O evento encheu o aforo ao contar con tres estrelas do deporte

O evento encheu o aforo ao contar con tres estrelas do deporte / Concello de Santiago

Este xoves celebrouse o Foro Tech Deporte&Empresa que ten como obxecto explorar a transición dos deportistas de alto rendemento cara ao ámbito empresarial, utilizando as súas experiencias e aprendizaxes para impulsar o emprendemento e promover a educación continua. Neste sentido, o evento contou con destacadas personaxes do deporte e do ámbito empresarial como Edurne Pasabán, Toni Nadal ou Borja Golán

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, puxo en valor a traxectoria de Golán, que anunciou a súa retirada do deporte profesional o pasado ano 2023 tras acadar dous títulos continentais e 17 nacionais polos que é recoñecido como o mellor xogador de squash español de toda a historia.

Golán, que foi o único xogador nacional que chegou ao top 10 do squash mundial (chegou a estar no quinto posto) recibiu das mans de Lete Lasa unha placa homenaxe á súa carreira. O mandatario galego agradeceu ao xogador compostelán unha carreira que xa forma parte do “patrimonio do deporte galego” e sinalou a “gran sorte do squash galego e dos novos valores” de que toda a experiencia de Golán poida estar ao seu servizo no Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Squash que dirixe o propio Golán na súa academia do Milladoiro.

Precisamente, esta posibilidade de aproveitar todos os coñecementos e os valores aprendidos durante a etapa deportiva e de valor “incalculable” é o que une a Golán coa primeira muller en ascender os catorce oito miles, Edurne Pasabán, e co que foi adestrador durante 27 anos de Rafael Nadal, Toni Nadal, que tamén achegan o seu saber aos máis novos, a primeira a través do seu papel como conferenciante nacional e internacional e, o segundo, como director técnico da Rafa Nadal Academy.

O secretario xeral acentuou a importancia dos patrocinios privados, como demostra o Plan de Patrocinio que a Xunta mantén con ABANCA e que acada os 3,7 millóns de euros por tempada e, sobre todo, do acompañamento dos deportistas nese paso crucial do alto nivel deportivo á formación.