Entrevista | José Ramón Gómez Besteiro Candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta

“Pedro Sánchez paréceme un home guapo e eu non me vexo mal”

“Son algo desordenado e ás veces non son suficientemente tolerante”

“Unha sabia lección do meu pai: non estires os pés máis que a manta, é dicir non te quedes ao descuberto”

Entrevista a José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta

Fotografía: R. Grobas / Vídeo: Pedro Fernández

Andrea Álvarez

Pasou de ser ‘o fallo’ dos seus pais a ser presentado como ‘o desexado’ nos mitins políticos. Tras oito anos fóra da política, José Ramón Gómez Besteiro, enfrontáse ás urnas e a un repaso pola súa vida na que descubrimos que é un amante da cociña ao que se lle atasca a preparación dos peixes, e que Felipe González é o seu grande éxito na súa descoñecida faceta como imitador.

Test Rápido a José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta

Pedro Fernández

Contáronnos que cando eras pequeno axudabas ao teu pai na venda de queixos. Como foi a experiencia? 

–Aprendes a ser máis paciente. As facturas cobrábanse os sábados. Entón non había medios telemáticos, tiñas que ir á tenda, poñerte a cola, agardar a que fixeran caixa... faste observador. 

Fuches un rapaz de ter moitas mozas?

–Non. Sempre fun moi comprometido nese sentido. Era un neno normal. 

Din de ti e de Pedro Sánchez que ambos sodes políticos con boa planta. Que opinas ti? 

–A min, Pedro Sánchez paréceme un home guapo, e eu, pois, non me vexo mal. 

Que lle envexas a Pedro Sánchez? 

–A súa capacidade de resistencia e a súa capacidade de traballo. 

Un tic ou manía que teñas?

–Gústame que a despensa estea ben preparada, porque pode pasar calquera cousa. Un lucense sempre está prevendo o que poida pasar. Eu creo que iso si que é a herdanza de, probablemente, meus pais.  

–Cal dirías que é o teu peor defecto? 

–Son algo desordenado e non son capaz de facer moitas cousas ao mesmo tempo. Son unidireccional.E ás veces non son suficientemente tolerante.

–Recoméndasnos algún libro en galego?

–Calquera de Domingo Villar. Gústame a novela negra. De pequeno lía novelas policíacas. É influencia da miña irmá. Son o terceiro de tres irmáns. O pequeno. De feito, eu son un fallo. Lembro que o meu pai sempre dicía, cando era rapaz, “este foi un fallo” e eu non o entendía. Cando volvín á política, fun a un mitin e presentáronme como ‘el deseado’, e eu contei a historia do meu pai. Ao rematar, moita xente achegóuseme para dicirme que eles tamén foran un fallo e iso liberoume. 

–Que pensaría teu pai agora dese “fallo”? 

–Morreu hai dez anos, pero penso que estaría moi orgullloso. Era unha persoa de esquerdas e contaxioume o espírito de clase. 

–Algún consello dos teus pais que lembres a día de hoxe? 

–“Non estires os pés máis que a manta”. Sempre o dicía meu pai, e creo que é unha sabia lección. Non te quedes ao descuberto.

–Algunha vez tiveches a necesidade de acudir a terapia? 

–A mellor terapia é falar. O diálogo é a mellor solución para afrontar calquer tipo de problema. 

–Tes dous fillos mozos. Quen na casa falou de sexo con eles? 

–Non lembro esa conversa con eles. Estes xa viñan educados. Xa viviron nun ambiente máis aberto e tolerante. Na miña época, había que ser autodidacta.

–Quen esperaba esperto aos fillos cando saían de festa? 

–Eu non. Quen está máis preocupada é a miña muller. As veces que estiven eu contaranse cos dedos da man. 

–Tes fama de bo imitador, iso é certo? E cal dirías que é a túa mellor imitación? 

–Teño éxitos claros. Felipe González sáeme moi ben, e José Luis Rodríguez Zapatero tamén. Pedro Sánchez sairame moi ben cando deixe de ser presidente, que vai a pasar dentro de moitos anos. 

–Unha viaxe pendente? 

–Quero ir a Sicilia e a Jordania. 

–Cal é o teu grupo ou cantante favorito? 

–Non teño un preferido. Gústanme varios. Queen, Maná, Coldplay, C. Tangana. O disco de ‘El Madrileño’ gústame moito. Tamén me gustan as bandas sonoras de cine. A última banda sonora, por exemplo, da serie Narcos, paréceme espectacular.  

–Unha canción para motivarte? 

–‘Don’t Stop Me Now’, de Queen é para min esa canción fetiche. 

–Cal é o programa ou serie de televisión que ves, e que ninguén podería imaxinar que ves? 

–Programas vexo poucos, estou máis na liña das series de HBO, de Netflix…vexo un capítulo ou dous ata que quedo durmido. Encántoume ‘Fariña’ e ‘La casa de papel’, sorprendeume moitísimo. ‘House of cards’ ou ‘Baron noir’ tamén me gustaron. 

–Un momento ‘terra trágame’ do último ano. 

–Tiven un ano moi intenso. Despois de oito anos fóra da vida pública, regresei co meu nomeamento como delegado do Goberno. Foi volver a empezar. Foi un ano cheo de emocións, de nervios, de ilusión, de ambición.