O BNG pídelle á Xunta que medie no conflito do metal e urxe unha reforma laboral

Ana Pontón e Carme da Silva no encontro en Vigo/  | BNG

Ana Pontón e Carme da Silva no encontro en Vigo/ | BNG / Redacción

Redacción

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pediu onte ao Executivo galego que medie no conflito do sector do metal de na provincia de Pontevedra, xa que após 13 encontros e seis xornadas de folga aínda a patronal e os sindicatos non chegaron a un acordo de convenio colectivo. Na súa intervención durante unha xuntanza cos traballadores, sinalou que se trata dun sector "clave" que só nesta provincia supón uns 33.000 empregos. Neste sentido remarcou que é necesario que se melloren non só as condicións salariais, senón as laborais e a conciliación neste "marco de crise de prezos".

Deste xeito, a líder do BNG solicitou unha nova reforma laboral que esta vez si modifique “os aspectos máis lesivos da reforma de Mariano Rajoy”. “O Bloque acertou ao advertir que a reforma laboral aprobada polo actual goberno consolidaba o groso da reforma laboral do PP, tal é así que até o propio candidato Feijóo anunciou que non a ía cambiar porque lle parece unha boa reforma”, remarcou.

O propósito desta reforma, segundo explicou onte Pontón, sería contar cun marco laboral que “protexa” os traballadores, subliñando a importancia de que o Bloque teña “máis deputados no Congreso” e así ter “forza” para lograr este cambio. “ “Hai que subir o listón dos dereitos dos traballadores e das traballadoras”, subliñou a portavoz nacional do partido.