O Sergas vai elaborar un cribado de violencia de xénero en menores e adolescentes

Para a elaboración e posterior aplicación deste procedemento, será fundamental “que os profesionais implicados conten coas ferramentas necesarias

Archivo - Edificio de la Consellería de Sanidade y Servizo Galego de Saúde (Sergas), en San Lázaro

Archivo - Edificio de la Consellería de Sanidade y Servizo Galego de Saúde (Sergas), en San Lázaro / E.P.

O vindeiro ano o Sergas vai elaborar "un procedemento de cribado de violencia de xénero en menores e adolescentes”, xa que o que está vixente é para mulleres maiores de 15 anos.

Así o anunciou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, na inauguración dunha xornada sobre violencia de xénero, con motivo da conmemoración, o vindeiro 25 deste mes, do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

A secretaria sinalou que “para a elaboración do cribado constituíuse un grupo de traballo interdisciplinar, con profesionais de pediatría, psiquiatría e traballo social”, entre outros, e actuando en colaboración do Instituto de Medicina Legal e demais institucións implicadas.

Paralelamente, Sanidade tamén ten previsto desenvolver, “un procedemento fronte á violencia na infancia e adolescencia, que incluirá a atención no caso de agresións sexuais”, explicou Lobato Mosquera.

Para a elaboración e posterior aplicación destes procedementos, será fundamental “que os profesionais implicados conten coas ferramentas necesarias”. Neste senso, a secreatria xeral de sanidade puxo en valor os distintos cursos que o seu departamento leva a cabo.

En concreto, no caso do persoal do Sergas, salientou a formación en igualdade de oportunidades e control da violencia de xénero, que realizaron máis de 2.370 persoas; ou a referida á violencia cara ás mulleres, como detectala e pautas de actuación dende o Sergas, que contou con máis de 2.000 alumnos o pasado ano.

Tamén recordou que a Escola galega de saúde para a cidadanía desenvolveu obradoiros de formación e información dirixidos á poboación sobre a violencia de xénero.

Incremento do orzamento

Durante a inauguración desta xornada, tamén interviu a secretaría xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, quen recordou que a Xunta en 2024 incrementará un 14,46% con respecto a este ano o orzamento para combater a violencia de xénero.

En concreto, investiranse 23,5 millóns de euros en total para impulsar a sensibilización colectiva, a formación de profesionais, o asociacionismo ou a corresponsabilidade, e as axudas económicas e servizos de atención e acompañamento.

Tamén fixo fincapé na nova Lei de igualdade que, aprobada esta mesma semana no Parlamento galego, incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación. Ao respecto, promoveranse programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual.

Así mesmo, incidirase en ámbitos como o da cultura e o do deporte, e reforzarase a igualdade no eido dixital, para combater calquera acción machista por medios tecnolóxicos, entre outras actuacións.