Opinión | Olladas ao país

A importancia dun relato propio

Nas pasadas nacionais galegas o BNG acadou o mellor resultado da súa historia, cun terzo dos escanos. Semella, pois, que a dirección soberanista habería afondar na liña estratéxica até de agora desenvolvida e analisar eventuais necesidades futuras para optaren ao Goberno galego logo das vindeiras. Neste senso, un paso moi preciso será acadar cotas ben máis importantes do poder local no 2027, alén das actuais trinta e seis alcaldías, malia que algunhas delas sexan tan fulcrais como Compostela e Pontevedra.

A segunda necesidade é complexa, mais factíbel dende a diagnose e coñecemento dos problemas galegos que demostraron Ana Pontón e o BNG na precampaña e campaña. Trátase de consolidar e ampliar unha alianza co mundo do coñecemento e ser quen de albiscar e darlle canle ás oportunidades de cambio social, político e económico para poder artellar no día a día a axenda galega.

E a terceira, íntimamente vencellada á segunda é, como ven de afirmar nun seu artigo o xornalista Veiga Taboada, a continua creación dun relato de seu (el fala de ideoloxía). Porque as opcións do soberanismo galego como alternativa de poder dependen de que o seu electorado perceba que o autogoberno é o instrumento para garantir o benestar e a garantia dos servizos públicos que permiten levar unha vida digna e que desenvolvemento económico, territorio e ambiente han de se compatibilizar e conxugar no espazo e tempo precisos da Galicia de hoxendía.

Xerar relato propio non quere dicir prédica nin adoutrinamento dende unha ideoloxía revelada dota dunha única interpretación auténtica. Pola contra supón ir definindo, en díalogo co mundo do coñecemento e coas maiorias sociais e dende a continua actualización na diagnose dos problemas de Galicia, do seu territorio, economia e sociedade, as necesidades e oportunidades do presente e do próximo futuro, sempre en conexión com esa Galicia autocentrada, dinámica e permeábel ao cambio que demostrou conectar desta volta coa proposta soberanista.

Algunhas ideas deste relato propio semella que foron prendendo nalgúns sectores, malia que precisen agrandar esta difusión. Velaí a do desenvolvemento sostíbel que respecte o territorio e o ambiente dende a pluraidade e equilibrio das distintas actividades económicas, evitando monocultivos económicos ou industrias de encrave ou un modelo enerxético que compense ao país e ao territorio pola súa produción de enerxía renovável. Tamén a progresiva conexión entre a extensión e acaído financiamento do autogoberno con máis desenvolvemento e calidade de vida. Porén, outras pezas do relato, como as ideas de que Galicia contribúe fiscalmente máis do que recibe e avanzaría moito máis cun sistema semellante ao vasco e navarro no que recadase ela mesma os tributos todos semella que precisan de esforzos adicionais de difusión e concreción.

Os marcos que delimitan o terreo de xogo no que se desenvolve o debate son esenciais na política. Porque se non os pos ti vai vir outro que chos poña.