O grupo do IDIS liderado polo hematólogo Mosquera recibe un cheque de 56.000 euros

A asociación Asotrame doa a contía recadada na campaña solidaria La carrera que nunca para

O grupo do IDIS liderado polo hematólogo Mosquera recibe un cheque de 56.000 euros

O grupo do IDIS liderado polo hematólogo Mosquera recibe un cheque de 56.000 euros / k.m.

O grupo GrHeCo Xene do IDIS, liderado polo hematólogo Adrián Mosquera, acaba de percibir un cheque de 56.000 euros, contía recadada pola Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas coa campaña solidaria La carrera que nunca para.

A contía destínase para colaborar co proxecto Identificación de novos drivers moleculares e patróns xenómicos con valor prognóstico en pacientes con neoplasias hematolóxicas do devandito grupo, que traballa na recolección de información clínica e de mostras biolóxicas para estudos relacionados co desenvolvemento de novas metodoloxías prognósticas e identificación de novas dianas terapéuticas en neoplasias hematolóxicas.

As técnicas que se utilizan teñen especial relevancia para xerar ferramentas que sirvan para mellorar a predición de risco (agresividade) dos tumores hematolóxicos, e en especial dos linfomas. “Está a traballarse no desenvolvemento de ferramentas moleculares e predicións baseadas en intelixencia artificial, para o que se necesita unha gran cantidade de información clínica e molecular”, destaca Adrián Mosquera.

“No noso medio, documentamos máis de 4.000 casos de diagnóstico de linfoma nas últimas décadas. Os resultados das nosas investigacións permitirannos poñer a disposición do paciente ferramentas que axuden a mellorar a súa estratexia terapéutica”.