Remedios Zafra e Emili Prado abordan as ‘fake news’ no Consello da Cultura

Remedios Zafra Alcaraz

Remedios Zafra Alcaraz / P.I.

ECG

Analizar o sistema comunicativo actual, o papel da información e os perigos da desinformación é o principal obxectivo da xornada “A información no mundo da posverdade”, a primeira das oito citas do foro Pensar o mundo dende Galicia co que o Consello da Cultura Galega (CCG) reflexiona sobre o papel presente e futuro da cultura no corenta aniversario da institución. Remedios Zafra (Zuheros, Córdoba, 1973) e Emili Prado (Cospeito, 1953) son as figuras que encabezan esta primeira sesión, que poñerá sobre a mesa a loita profesional e académica contra a desinformación. A xornada está coordinada por Xosé López, desenvolverase hoxe a partir das 10.00 horas.

O obxectivo da xornada é reflexionar arredor do ecosistema comunicativo actual, o papel da información e as distorsións que provoca a desinformación. Na sesión da mañá definirase a situación actual do sistema comunicativo, cos seus principais actores, e analizaranse as diferentes dimensións que introduce a posverdade como porta á reflexión da época actual. Este marco xeral teórico e conceptual chega da man de dúas figuras que recuncan no CCG: Emili Prado Pico, catedrático de Comunicación Audiovisual na Universitat Autònoma de Barcelona, que ofrecerá un relatorio titulado “O ecosistema comunicativo actual e a desinformación”; e Remedios Zafra Alcaraz, científica titular no Instituto de Filosofía do CSIC, que titula a súa intervención “A posverdade como porta á reflexión da época”.

Na sesión da tarde, a partir do debuxo e a análise descritos na sesión da mañá, poñeranse sobre a mesa algunhas das principais investigacións realizadas nos últimos anos, así como as diferentes accións que se propoñen para combater a desinformación.