Santiago, capital da “resistencia” cultural en maio grazas o festival ‘Escenas do cambio’

Esta novena edición ten unha decena de propostas de vangarda de danza, teatro, poesía, música e performance // A Zona Vella volve a ser un dos espazos onde faranse pezas

Maite Dono, Kirenia Martínez, Anxo M. Lorenzo, Lola Correa, Ana Isabel Vázquez, Matías Daporta, Jacobo Sutil, María Pereira e Fran Núñez.

Maite Dono, Kirenia Martínez, Anxo M. Lorenzo, Lola Correa, Ana Isabel Vázquez, Matías Daporta, Jacobo Sutil, María Pereira e Fran Núñez. / XABIER SANMARTÍN

A unión fai a forza e máis nesta era onde a cultura é un animal ameazado, pode que por iso a presentación de onte en Santiago do Escenas do cambio falasen de “resistencia”, en palabras de Matías Daporta, director de Washington, unha das pezas do festival. A cita vai levar ata Compostela do 4 ao 6 de maio unha decena de propostas de vangarda onde a danza, o teatro, a performance, a música e a poesía abren camiños valentes para falar “dos dereitos das persoas migrantes e desprazadas, do colectivo queer ou dos estratos máis vulnerables da sociedade”, din os seus promotores.

Na presentación feita onte no museo do Gaiás, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou que esta aposta impulsada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, “está cubrindo unha programación que non se atopa noutros espazos de Galicia”.

A programación deste evento na capital galega inclúe pezas “como canto ao amor infinito e insurrecto de One night at the golden bar (Alberto Cortés), os afectos e os coidados sobre os que construír un mellor futuro (Afectos, de Kirenia Danza, Fráxil: Handle with care, de Matarile Teatro) ou o debate da xestión mercantil da morte en Aquellas que no deben morir (Las Huecas), espectáculo gañador do premio Apuntador 2021 e do Novaveu da Crítica.

O director xeral de Cultura gabou o feito “dás cinco obras orixinais que terán a súa estrea absoluta no festival”: Poco (o alguien dirá que nos equivocamos) de Roberto García de Mesa, o concerto debut da agrupación SONS-NÚS/CatroNubes (proxecto de Maite Dono na voz e Baldo Martínez no baixo, cunha mistura de música tradiciónal, poesía e jazz) e Poescénicas, as tres co soporte da Fundación Cidade da Cultura, e tamén as últimas producións de Kirenia Danza e Matarile, da man do Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego, respectivamente.

Ademais, outras catro pezas desta novena edición poderán verse en maio por primeira vez en Galicia.

Por outra banda, Lola Correa, directora deste certame, destacou no acto de presentación na Cidade da Cultura que “é un festival moi necesario, máis despois do difícil que foi a pandemia para as artes escénicas”.

E Kirenia Martínez Acosta, directora de Kirenia Danza, dixo sobre Afectos, a súa peza nesta cita, que fala “de que nos vai salvar poñernos no lugar doutro”, sendo unha reflexión sobre os dereitos fundamentais e os apoios e afectos que reclaman as persoas migrantes e desprazadas.

Matías Daporta, director de Washington, falou de xeito especial do espírito diferente e rebelde desta proposta e nomeou á súa directora: “Lola (Correa) e este festival son a resistencia porque abren portas e abren camiños futuros” .

Mentres, Maite Dono engadiu un chisco de emoción falando do seu regreso: “Levo sete anos sen facer nada e para min é unha oportunidade estar nesta cita na cidade onde vivo hai moito tempo”.

O programa de Escenas do cambio inclúe dúas obras itinerantes. Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco, propón redescubrir as rúas de Santiago nun paseo compartido que só é revelado a quen o percorre, e Poescénicas, onde a ruta márcana cinco mulleres destacadas da poesía galega actual, acompañadas da música e da imaxe por diferentes espazos da Biblioteca de Galicia e o Xardín Literario do Gaiás.

Ademais, o Centro Galego de Arte Contemporánea vai acoller a performance Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz.

Un encontro interxeracional entre profesionais, xestores culturais e artistas vai completar este evento compostelán.

Hai máis información da programación de Escenas do cambio na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival (www.escenasdocambio.org). E as entradas e abonos xa poden adquirirse no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.

O Escenas do cambio de 2023 conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música –INAEM–, o Concello de Santiago, o Instituto Camões, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego e máis o Centro Dramático Galego, entidades xuntas para artellar esta proposta de “resistencia” cultural.