O Bloque aposta por unha mellora do servizo de recollida de residuos actual na cidade

Asociacións de hostaleiros reuniranse co alcalde o 19 de abril para evaluar o modelo de cara ao verán

Reunión de hostaleiros con Bugallo e Mila Castro, celebrada onte.

Reunión de hostaleiros con Bugallo e Mila Castro, celebrada onte. / redacción

Redacción

O BNG fíxose eco das queixas recibidas pola veciñanza da rúa Betanzos, na Almáciga, polo mal funcionamento dos camións de recollida de residuos, que verten líquidos e deixan un regueiro que desprende mal olor cada noite. Por ese motivo, a portavoz do partido, Goretti Sanmartín, comprométese, no caso de gañar as eleccións do 28-M, a facer “un control exhaustivo” do servizo de recollida de residuos para que a empresa cumpra o contrato en materia de recursos humanos e materiais para garantir no concello, tanto no rural como no urbano, melloras en canto á limpeza.

Deste xeito, desde a Almáciga trasladaron o seu descontento ao BNG coa limpeza e recollida do lixo, logo de chamar a Urbaser de xeito reiterado para advertir do mal funcionamento dos vehículos que provocan esas verteduras.

Este malestar veciñal é común a outros lugares por onde eses camións en mal estado fan o seu percorrido, “posto que non foron arranxados nin substituídos coa entrada en funcionamento do novo contrato de residuos”. Deste xeito din que neste momento “xa non valen escusas porque o novo contrato xa está en vigor e eses vehículos deberían ser substituídos ou cando menos arranxados”.

En definitiva, o Bloque comprométese a realizar un control exhaustivo da empresa concesionaria de recollida e tratamento de residuos para obrigala a cumprir co estipulado no contrato e a supervisar o funcionamento dos vehículos e a dotación de persoal que corresponde, de cara ao obxectivo de “conseguir unha mellora deste servizo público para que Santiago de Compostela sexa unha cidade con máis limpeza”.

Por outra banda, o alcalde e concelleira Mila Castro reunirónse onte pola mañá coas asociacións de hostaleiros da cidade para facer seguimento do sistema de recollida ‘porta a porta’ na cidade histórica, un modelo quen nun primeiro momento non convencía ao sector hostaleiro.

Sobre este encontro, o presidente de Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, mencionou en conversación con este medio que foi unha mera toma de contacto para comentar aspectos puntuais do vivido en certas rúas ou establecementos hostaleiros que se poderían mellorar. “La mayoría de ellos fueron subsanados al día siguiente”, manifestou.

Segundo avanzou, Thor Rodríguez, o mércores 19 deste mes de abril está previsto que se reúnan de novo as asociacións de hostaleiros co alcalde para evaluar a situación do servizo trala Semana Santa. A intención é que se aproveite a reunión para analizar se o modelo será efectivo nos meses de verán e así evitar o caos na cidade.