Raxoi adxudica por dez anos e 41 millóns de euros o novo contrato eléctrico para as farolas municipais

Unha UTE formada por Ferrovial e Endesa será a beneficiaria // Ata trinta mil elementos luminarios pasarán a ser leds

Alumeado nocturno na compostelana rúa dos Loureiros /concello de santiago

Alumeado nocturno na compostelana rúa dos Loureiros /concello de santiago / natalia sequeiro

Santiago afronta este 2023 cos orzamentos municipais prorrogados porque gastos correntes como o da factura eléctrica disparaban o gasto este ano e Raxoi non dispoñía das cifras exactas do seu custo. A Xunta de Goberno aprobou onte finalmente a adxudicación do contrato da luz para o alumeado público exterior. O importe que se pagará alcanzará os 41,7 millóns de euros durante os próximos dez anos. Pero a factura da luz aínda será máis abultada porque quedaría aínda por licitar un novo contrato para as instalacións municipais, como colexios, pavillóns e outro tipo de edificios propiedade do Concello.

Nos últimos anos o coste eléctrico do municipio disparouse. Mentres en 2020 o concello pagou tres millóns de euros, este ano estaba previsto un desembolso de ata sete millóns (incluindo alumeado exterior e interior). A concelleira de Facenda, Marta Abal, explica a EL CORREO que co novo contrato “producirase un aforro” e indica que tamén buscarán reducir o gasto na licitación para as instalacións municipais.

A UTE Ferrovial Construcción S.A. e ENDESA X Servicios S.L será a encargada do suministro eléctrico exterior. Nestes sete meses que restan de 2023 recibirá 2,4 millóns de euros. E o resto das anualidades o importe será de 4,176. O novo contrato, segundo informa o Concello, “permitirá a renovación e mantemento do alumeado das rúas, prazas, e outros espazos públicos do municipio”. Nun prazo de oito meses culminarase a renovación de máis de 30.000 elementos luminarios que pasarán a ser leds. Ademais, os pregos recollen a mellora da iluminación nas zonas rurais “coa incorporación dun sistema 5G que permita coñecer en tempo real o estado de cada unha das farolas e actuar de xeito inmediato no caso de incidencias”. Estes cambios permitirán “un aforro económico anual estimado dun millón de euros, xa que se espera que o consumo enerxético diminúa en máis dun 70%”, suliña Raxoi.

O proxecto será executado no seu 95% con provedores locais e suporá a contratación dunha vintena de operarios preferentemente do termo municipal de Santiago, que tamén se ocuparán dos labores de mantemento. Amais, Itelis desenvolverá unha plataforma de xestión enerxética e servizo de mantemento, que estará integrada coa plataforma de avisos de liña verde que actualmente se ocupa das incidencias do Concello. Tamén se porá en marcha unha campaña de divulgación co obxectivo de fomentar o compromiso Slowlight, creando espazos nocturnos “cunha iluminación intelixente e sustentable”.