O BNG critica que o contrato de buses sae “sen consenso das liñas e frecuencias”

Goretti Sanmartín nas instalacións de El Correo Gallego / A.hernández

Goretti Sanmartín nas instalacións de El Correo Gallego / A.hernández / l.r.

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cuestiounou a demora en sacar o concurso do servizo de autobuses, “que sae xusto cando se convocan as eleccións, con opacidade e sen consensuar liñas e frecuencias coa veciñanza”, despois de perder catro anos sen prestalo en condicións dignas. “Trátase dun contrato millonario que debería atender as necesidades colectivas pactadas mediante o diálogo, mais non se fixo así”, advertiu Sanmartín.

“Desde o BNG queremos que os buses, ademais da renovación da frota, cheguen con frecuencias adecuadas ao Polígono de Tambre, comuniquen ben as parroquias para vertebrar o territorio, cos reforzos en horarios de entrada e saída laboral, e atendan as necesidades de estudantes e do rural nas fins de semana, como reclamou o BNG no pleno en diversas ocasións”, sinalou, “e é preciso un servizo propio para comunicar o aeroporto”.

O BNG avoga por simplificar a información das liñas e por marquesiñas accesibles e, en definitiva, quere unha cidade e un rural ben comunicados “porque un bo sistema de transporte público fomenta a igualdade e a cohesión do territorio”.

Ao respecto, critica que o PSOE non fixo o seu labor durante catro anos e “agora pretende no último momento, en período de desconto, sacar un concurso do que se descoñecen as liñas, as frecuencias e os eixos mentres se paga o alugueiro doutros autobuses porque os novos tardarán en estar na rúa entre 18 e 24 meses”.

Goretti Sanmartín explicou que se trata dun “auténtico despropósito o acontecido con este contrato de autobuses e onde o goberno local demostra que non ten capacidade de xestión, que non ten proxecto a cidade de Santiago e o seu é un modelo totalmente esgotado”.