O Concello pecha o ano con 24 millóns sen gastar e outros 14 en facturas pendentes

Compostela Aberta incide na “incapacidade do goberno local” e o BNG cualifica de “electoralista” a distribución dos remanentes que fai o alcalde

CA e BNG critican que o goberno local non defenda o proxecto inicial para a segunda fase das obras de Castrón Douro e Sar / JESúS PRIETO

CA e BNG critican que o goberno local non defenda o proxecto inicial para a segunda fase das obras de Castrón Douro e Sar / JESúS PRIETO / JACOBO TÁBOAS

“Os remanentes de 2022 son a mellor foto da incapacidade do Goberno, da súa pésima xestión e da deriva electoralista de Bugallo”, afirmou onte a portavoz municipal de Compostela Aberta, tras “coñecer que o Goberno do PSOE pechou 2022 con 24 millóns de euros sen gastar mentres seguen as facturas no caixón, as subvencións sen pagar e as necesidades de Santiago sen atender”. E na mesma líña, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cualificou de “electoralista” a distribución de remanentes que anunciou en Xunta de portavoces “o alcalde e candidato do PSOE, xa que inclúe obras que promete en precampaña sen estar aprobados en Pleno e outras que xa tiñan que estar realizadas que demostran a falta de execución orzamentaria”.

Deste xeito, ambas formacións puxeron o foco na xestión dos remanentes por parte do goberno local. “Cómpre lembrar que en 2022 só executaron o 16% do orzamento previsto. Isto é deixaron sen gastar 84 de cada 100 euros do capítulo de investimentos, que agora van prometer como obras novas”, afirmou Sanmartín, quen engadiu que dun orzamento total de 24.636.988 euros, “14.603.238 xa son de necesidades ordinarias pendentes de pago, co que quedan 10.033.749 euros para investimentos, dos que tamén hai que eliminar novas necesidades urxentes sobre as que vai existir un acordo de prioridade. “Sexa o que for, mesmo sobre 3 ou 4 milllóns que poidan ficar para investimentos o lóxico é consensuar as prioridades, non traer unha proposta de parte”. Sanmartín apuntou que o o goberno local levou a xunta de portavoces “temas que o PSOE prometeu electoralmente á veciñanza, como dous microbuses eléctricos para o rural, que o lóxico é que saísen no contrato de transportes”, explicou.

Pola súa banda, dende Compostela Aberta, Rozas foi moi crítica tamén coas formas de Bugallo, “que nos trae un documento de remanentes pechado que pretende aprobar en Pleno en vésperas da campaña electoral, e sen ter dialogado absolutamente nada cos grupos da oposición”.

A portavoz municipal de CA foi moi crítica co alcalde, despois de coñecer o documento dos remanentes de 2022, que reflicte que o Goberno pechou o ano deixando 24 millóns de euros sen gastar e máis de 14 millóns de euros de facturas pendentes. Fixo a comparativa co anterior mandato, e lembrou que en 2017 e 2018 os remanentes rondaban os 7 millóns de euros, e as facturas pendentes apenas superaban o millón. “A Bugallo e a Marta Abal estes números parecíanlle escandalosos, e pechan o último ano de mandato máis que triplicando os remanentes e multiplicando por 14 as débedas pendentes de pago”, sinalou Rozas. “Este Goberno leva todo o mandato afogando aos provedores e incumprindo sistematicamente o período medio de pago, e nestes remanentes queda en evidencia que non se adoptaron medidas para mellorar a situación”, incidiu.

Ademais, Sanmartín tamén cuestionou “o talante autoritario do alcalde, que escolle proxectos para consignar os remanentes de tesouraría sen consensuar cos demais grupos municipais nin coa veciñanza, logo de catro anos sen realizar as obras aprobadas en Pleno”.