Os restaurantes santiagueses O Tamboril e Ferro locen xa o certificado Galicia Calidade

Con estas dúas novas incorporacións son xa máis de 30 os establecementos de hostalaría que contan coa marca, no conxunto das máis de 150 empresas certificadas

A xerente de Galicia Calidade entregou as certificacións aos restaurantes Ferro e O Tamboril

A xerente de Galicia Calidade entregou as certificacións aos restaurantes Ferro e O Tamboril / Xunta

ECG

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, aos responsables dos restaurantes composteláns O Tamboril e Ferro, poñendo en valor o esforzo pola elaboración dunha experiencia gastronómica próxima e de calidade. A obtención do selo de garantía permitirá ás empresas incluír a nova sinalización coa que se identifica as empresas adheridas nas súas fachadas, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

O restaurante Tamboril ofrece desde o 2007 os seus servizos na parte nova de Santiago de Compostela, mentres que a historia do Ferro se remonta a vinte anos atrás, cun local no centro de Santiago de Compostela, unha recoñecida xamonería e tapería que no ano 2009 se trasladou ao barrio de Santa Marta. No acto de entrega do certificado Ana Méndez, salientou a aposta de ambos restaurantes pola cociña a partir de materias primas de proximidade.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental. Con estas dúas novas incorporacións son xa máis de 30 os establecementos de hostalería que contan coa marca.