Corte de tráfico nun carril polo comezo das obras en Rodríguez de Viguri

Escolleuse o próximo xoves porque ao ser festivo prevese menos tráfico na contorna

Imagen de archivo de la calle Rodríguez de Viguri

Imagen de archivo de la calle Rodríguez de Viguri / Antonio Hernández

Redacción

O vindeiro xoves comezarán as obras de reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri en Santiago. Para a primerira fase, a Consellería de Infraestruturas informou onte de que poderá continuar a circulación nos dous sentidos, pero manterase un só carril habilitado en vez dos actuais.

Rodríguez de Viguri converterase nun nó de intercambio modal do transporte público na futura cidade de San Caetano, que acollerá as novas dependencias autonómicas na zona da antiga estación de buses. Cun investimento de 1,6 M€, remodelarase a rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta. Entre as actuacións previstas está a dunha nova zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e estacionamento de bicicletas.

Infraestruturas escolleu o vindeiro 18 de maio por ser festivo local en Santiago. “Iniciaranse as obras ese día, cando se prevé menos tráfico na contorna, o que facilitará a realización destes traballos”, informou o departamento que dirixe Ethel Vázquez nun comunicado. “As afeccións ao tráfico estarán debidamente sinalizadas mediante sinalización vertical e nos correspondentes paneis de sinalización”, engade.

A Xunta ten previsto desenvolver esta obra de xeito coordinado coa execución da 1ª fase da Cidade de San Caetano, que se atopa en fase de adxudicación. Esta nova actuación será o punto de partida da senda peonil e ciclista que unirá San Caetano coa estación intermodal e co Milladoiro.

As obras permitirán a reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal. A parada de transporte público prevista situarase na marxe dereita, en sentido ascendente. Terá 156 metros de lonxitude cuberta, na que se poderá agardar a chegada dos autobuses protexido das circunstancias meteorolóxicas. Estará formada por 26 módulos baixos de marquesiña e 3 módulos máis altos intercalados para protexer o acceso ao autobús. Ademais, e de modo independente, instalaranse en ambas as marxes do treito da avenida dúas marquesiñas para parada de bus urbano.

A intervención incluirá a remodelación do todo o entronque da rúa Anxo Casal e do aparcadoiro soterrado ao que se accede desde alí. A saída do aparcadoiro será directa á avenida de Rodríguez de Viguri e no espazo gañado disporase un aparcadoiro cuberto para bicicletas, de 21 metros de lonxitude, e coa mesma solución formal que as marquesiñas das paradas de autobús. Ademais, dese espazo partirá un paso de peóns que cruzará a avenida, para un acceso máis directo á grande parada de bus do sentido ascendente.