Bugallo creará unha Casa dos Maiores en pleno Ensanche para fomentar o envellecemento activo

Destaca que, como dato seguro, as enquisas lle dan a alcaldía e que a estas alturas da campaña non renuncia a gobernar en solitario

Bugallo, onte nun encontro coa veciñanza da Peregrina/cedida

Bugallo, onte nun encontro coa veciñanza da Peregrina/cedida / redacción

Redacción

Xosé Sánchez Bugallo destacou onte que a enquisa do Instituto DYM para Prensa Ibérica en Galicia, recolle un “dato seguro”, que seguirá sendo alcalde despois dos comicios do 28 de maio. E máis, mantivo que a estas alturas da campaña non renuncia “a gobernar en solitario” con unha alcaldía reforzada.

O candidato socialista prometía, de outro lado, o sábado ceder chan municipal para que se puidese instalar unha cooperativa de vivenda colaborativa tipo cohousing. Onte apostaba pola creación dunha Casa dos Maiores no Esanche. Ubicarase en San Pedro de Mezonzo, no local da antiga tesourería. “Alí programaremos actividades co dobre obxectivo de previr o deterioro psico-físico e favorecer a convivencia e a integración social destas persoas na súa contorna”, afirmou o alcalde e aspirante a revalidar o posto o vindeiro 28-M.

Actividades como baile, cursos de achegamento ás novas tecnoloxías, obradoiros e saídas culturais programaranse no centro ubicado en pleno Ensanche, que contará tamén cunha sala de lectura e varios espazos de usos múltiples. O local comercial de planta baixa ten unha superficie total de 1.528 m2 e patio interior e xa foi cedido ao Concello. “Procuramos ofrecer novos espazos de encontro e socialización para a terceira idade porque queremos fomentar un envellecemento activo” explica o alcalde. Bugallo tomou nota das peticións dos asistentes á Festa dos Maiores celebrada o sábado en Amio. “Solicitáronnos máis bancos nos parques e en espazos públicos, e por outra banda, un espazo de socialización para o baile, como é a Casa dos Maiores na que estamos traballando”, aseverou. A través dun comunicado, o PSdeG compostelán explicou que esta mesma semana se instalaron novos asentos na Praza Roxa, e está previsto que se reforce a instalación de bancos noutros puntos da cidade. Tamén recordou que actualmente están en marcha o espazo interxeracional de Sar e o parque infantil da Almáciga, ambos proxectos, con zonas de ocio interxeracional e espazos de convivencia para a terceira idade.

Buses para ver o Compos

En plena campaña electoral, o Concello tamén anunciou onte que vai poñer buses pagados para apoiar o Compostela o vindeiro sábado 27 de maio no seu partido no campo do Tarazona (provincia de Zaragoza), na volta do seu play off despois de que onte gañase por 3-2 no estadio San Lázaro Vero Boquete. Xosé Sánchez Bugallo mantivo onte un encontro co equipo picheleiro. “Queremos facilitar desde o Concello que todas aquelas persoas que apoien o Compos poidan desprazarse o vindeiro sábado 27 ata Tarazona, e facilitaremos xunto coa dirección do equipo a preparación de autobuses”, dixo. O Concello pagará a factura. “O campo do Tarazona é moi pequeno e o público vai estar encima, e o noso Compos debe ter o alento da súa afección”, salientou. O mesmo Compostela engade nas súas redes socias: “Próximamente daremos máis información para anotarse na viaxe”.