María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Compostela”

CA celebrou onte o seu acto central de campaña, no que a candidata estivo arroupada por Martiño Noriega

A candidatura de Compostela Aberta  celebrou onte na Capitol o acto central de campaña

A candidatura de Compostela Aberta celebrou onte na Capitol o acto central de campaña / J. T.

A candidata de Compostela Aberta (CA) á Alcaldía de Santiago pediu o apoio nas eleccións do domingo “a todas as persoas que queren un Santiago moderno, acolledor, que recupere a súa vitalidade e que estea na vangarda das políticas progresistas, porque iso é algo que só pode garantir Compostela Aberta”. “Somos o voto útil para non volver aos anos negros do PP, pero tamén para sair da inercia na que Bugallo ten sumido ao Concello”, sinalou María Rozas.

CA celebrou onte na Sala Capitol o seu acto central de campaña, no que Rozas estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega. A candidata á Alcaldía incidiu na “valentía” da súa formación “para abrir debates que outras formacións evitan”. “E temos a experiencia para aplicalas desde o Goberno”, destacou.

Ademais, defendeu o modelo de cidade “realista, serio e reflexionado” que propón Compostela Aberta, “fronte á carreira electoralista na que están caendo outros candidatos, que só aspiran a gañar titulares e espazo nos medios de comunicación con proxectos millonarios que non lles pediu ninguen e que non mellorarán a vida da xente”. A candidata incidiu en que “o que os veciños e veciñas reclaman é que Santiago recupere a súa vitalidade, que se sexa unha cidade para as familias e na que se poida acceder a unha vivenda a prezos asumibles”.

Nese sentido, defendeu “os importantes pasos dados por Compostela Aberta para que hoxe teñamos aprobada unha regulación dos pisos turísticos, unha decisión que fixo que suframos moitas presións que non sofren outras formacións que preferiron manterse na comodidade da equidistancia”. Tamén se referiu ás Políticas Sociais, “que están no ADN de CA, que no pasado mandato impulsou medidas pioneiras que Bugallo está deixando esmorecer porque o seu modelo non difire moito do do PP, e aí está o muro para expulsar ás persoas sen fogar de Xoán XXIII”.

María Rozas pediu o apoio nas eleccións do domingo a todas as persoas “que non queren volver aos anos negros do PP, pero que tampouco se conforman cun alcalde do pasado”. A candidata de Compostela Aberta reiterou que “CA é o verdadeiro voto útil para garantir un Santiago progresista, no que os veciños e veciñas sexan protagonistas e non simples espectadores”.

Apoio de Yolanda Díaz

No acto central da campaña participou tamén Martiño Noriega, que pediu o voto para María Rozas, “a candidata máis solvente, a mellor preparada, e a que representa un espazo de esperanza para Santiago”, sinalou o exalcalde de Compostela.

Ademais, escoitouse unha mensaxe de apoio da vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz, que lle pediu aos veciños e as veciñas “que se mobilicen para convertir a María Rozas na primeira alcaldesa de Santiago, porque é unha muller profesional, feminista e que pula polo ben común, como o fai un espazo que é de todos e de todas como é Compostela Aberta”.