A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia cun vídeo un novo colapso no servizo de urxencias

Segundo afirman nunha nota, este luns ás 14h había 10 pacientes graves agardando no corredor de acceso e 37 doentes máis ocupando o espazo de traballo

Vídeo difundido pola Asociación de Pacientes do CHUS para denunciar un novo colapso nas urxencias

Asociación de Pacientes do CHUS

Redacción

A Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denuncia a través dun vídeo e unha nota o uso ilegal dos corredores de Urxencias do centro sanitario. Segundo afirman, este luns ás 14:00h, 10 pacientes graves estaban agardando no corredor de acceso e 37 doentes máis, co ingreso en planta asinado, "estaban ocupando o espazo de traballo". Ás 15:45, continúa o seu comunicado, e "a pesar de que o coordinador do servizo e a xerencia foron advertidos da situación asistencial polo persoal sanitario, o número de pacientes graves nos corredores central e colindantes aumentou a 24 e 36 seguían agardando o ingreso en planta".

No seu comunicado, a Asociación de Pacientes asegura que nos últimos meses esta situación se produciu en tres ocasións. "Chegouse a abrir o corredor de observación para poñer alí pacientes ingresados, deteriorando aínda máis a súa saúde e contravindo a normativa laboral que obriga a que as vías de tránsito e evacuación teñen que estar libres de camas e pacientes". Sinalan, ademais, a información feita pública no “pulso do CHUS”, que asegura que durante as últimas 24 horas (entre ás 8:00 do día 5 e ás 8:00 do día 6 de xuño) o nivel de ocupación das camas era do 55 por 100. "A día de hoxe seguen sen utilizarse as camas dispoñibles do Gil Casares que permanecen pechadas de xeito permanente".

Estes feitos, segundo a Asociación de Pacientes do CHUS, "constitúe unha vulneración sistemática e planificada dos dereitos fundamentais dos pacientes" e engaden que "o seu uso como almacén de persoas resulta contrario á finalidade do servizo establecido na Lei de Saúde de Galicia e aos estándares de calidade fixados polo Ministerio de Sanidade" .

Engaden, además, que "Eloína Núñez, e Plácido Mayán, coordinador do servizo, persisten no seu exercicio de irresponsabilidade non só cara os pacientes, senón tamén cara os traballadores do CHUS que se ven obrigados a traballar en condicións de presión intolerables que afectan a calidade asistencial que recibimos".