A SELIC volve en xuño á Praza da Quintana con 14 editoras, sete librarías e máis de 70 actividades

O Festival da Lectura, que decorre entre o 9 e o 18 de xuño, incorpora este ano unha nova sección Criminal dedicada á novela negra

Camilo Franco, Mercedes Rosón e Xaquín Núñez / CONCELLO

Camilo Franco, Mercedes Rosón e Xaquín Núñez / CONCELLO / ana Triñáns

A SELIC, Festival da Lectura volve a Compostela entre o 9 e o 18 de xuño e retoma un escenario de edicións anteriores, a Praza da Quintana. A presentación desta sétima edición presentouse na mañá de onte na sala de prensa do Concello de Santiago e contou coa presenza do director da SELIC, Camilo Franco, a concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón, e o coordinador da nova sección SELIC Criminal, Xaquín Núñez.

O Festival da Lectura vai contar este ano cun total de 14 editoras, sete librarías e catro institucións vencelladas co mundo do libro (o Festival Atlántida, as fundacións Carlos Casares e Antonio Piñeiro e a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas), así como a AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega). Ademais, a súa programación, que decorrerá en horario de tarde entre semana e de mañá e tarde os sábados e domingos, combinará actividades de divulgación da lectura, música e recitais en directo.

“Da pandemia para aquí a SELIC medrou en tamaño e en argumentos sen cambiar a intención de que a lectura sexa o centro de todas actividades, pero combinándose con música, con performance, con teatro, e tamén mesturándose coa cidade”, explicou o director do festival, Camilo Franco. Na súa opinión, isto fai medrar tamén a programación, que chega na presente edición, con 75 actividades e ata a carpa, como apuntou Mercedes Rosón, tivo que ser ampliada para atender a todas as peticións recibidas.

A concelleira de Acción Cultural en funcións fixo fincapé na importancia do Festival da Lectura para a cidade, “porque fai especial incidencia nas autoras e producións literarias de Compostela e isto vese reflectido no programa, non só nos contidos, senón tamén no proceso de produción do evento, no que están integrados os axentes locais”. O evento axuda a transmitir unha imaxe de Santiago “como ese gran espazo literario e creativo que é”, concluíu.

Unha das novidades desta sétima edición da SELIC é a sección ‘Criminal’, coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, e que pretende ser un “espazo de divulgación e de interacción co público” que responda a un modelo que xa existe noutros lugares, mais que se botaba en falta en Galicia, “tendo en conta a cantidade e calidade que houbo aquí nos últimos anos, e non só no literario”. A SELIC é para Sabarís “idónea” para acoller esta iniciativa, dada a referencialidade que ten acadado na súa andaina. Catro mesas con diferentes orientacións temáticas permitirán profundar no xénero desde unha perspectiva construtiva, que non renuncia a atopar “elementos que permitan melloralo”.

Un ano máis, a SELIC mantén a aposta por unha programación que combine lectura e música, teatro e audiovisual e contará cunha intervención de compañía Chévere ou coa música de Christina Rosenvinge e João Afonso. E coma noutras edicións haberá paseos literarios, tamén vencellados coa sección SELIC Criminal, propostas organizadas polas diferentes editoras, presentacións, sinaturas de libros e faranse visitas a cinco centros de ensino de Compostela, Brión e Fisterra.