O CiTIUS foi galardoado polo seu proxecto para axudar ás empresas a render mellor

A Real Academia Galega de Ciencias foi a encargada de outorgar os Premios á Transferencia de Tecnoloxía este mércores no Pazo de San Roque de Santiago

Tamén obtiveron os seus recoñecementos o INIBIC e Diversa Technologies

Foto de familia dos galardoados este mércores no Pazo de San Roque, en Santiago

Foto de familia dos galardoados este mércores no Pazo de San Roque, en Santiago / JESÚS PRIETO

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia (outorgáronse tres), o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. O evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.

O Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago (USC) recibía o Fernando Calvet Prats. Un galardón que recoñece o éxito dun grupo de investigación á hora de transferir tecnoloxía.

O coordinador do grupo, Alberto Bugarín, explica que InVerbis Analytics, a spin-off (empresa nacida dos resultados da liña de investigación) merecedora do recoñecemento, permite ás empresas mellorar o seu rendemento ao detectar os fallos cometidos nos procesos diarios.

“InVerbis analiza os datos derivados de procesos ou procedementos –por exemplo dun proceso industrial no que as pezas van pasando por distintos puntos– e estes datos gárdanse no sistema de información. A analítica de procesos o que fai con eses datos é medir variables sobre ditos procesos e detectar cando unha parte do mesmo se realiza de forma máis lenta ou tarda máis do esperado”, explica Alberto Bugarín a este diario. “Ás veces tamén é capaz de reconstruír o proceso completo polo que pasa por exemplo un expediente administrativo e detecta que esa reconstrución, o modelo de proceso, non é exactamente igual a como estaba previsto. Entón eso quere dicir que hai diferenzas entre como ocorre na realidade e como estaba definido que debía ser e isto pode facer que unha parte do proceso entre en bucle e non avance”, engade. “Noutras ocasións sucede o contrario e atópanse alternativas que non estaban previstas e que son máis eficientes. En procesos moi complexos realizados por moitos actores, só cando se reconstrúe ese modelo e se visualiza se é consciente de como se fan as cousas”.

Inverbis

Inverbis

E para ilustrar con exemplos ata que punto InVerbis mellora o rendemento das empresas, Alberto Bugarín explica que por exemplo nun proceso de tratamento cardiolóxico (realización de probas, diagnóstico e seguimento da evolución) coa analítica de procesos puido verse como estaba realizándose o procedemento “e nese caso cunha serie de cambios organizativos o tempo entre que o paciente ingresaba e se realizaba o tratamento reduciuse un 23%”, indica. “A redución de tempo foi significativa e puideron facerse máis probas aos pacientes”, aclara. “Tamén nunha empresa de tráfico aéreo constatouse que había unha serie de incidencias que ían en bucle” e con InVerbis “puido clarificarse como debían tramitarse”.

Dende o Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS seguen inmersos en novos proxectos de investigacion do ámbito da analítica de procesos. “Agora estamos intentando que eses algoritmos que obteñen o fluxo de procesos a partir dos datos sexan o máis fiables e transparentes posibles, de forma que non haxa sesgos nos datos. Non sempre se pode saber ben como se obteñen os modelos de proceso de negocio e entón usando técnicas que dan transparencia a eses algoritmos pode entenderse un pouco mellor como se crean eses modelos de proceso, e así podemos seguilos, detectar erros e melloralos”, explica.

Premio ao INIBIC

Tamén recibiu o galardón da Real Academia Galega de Ciencias no marco dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia un equipo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) liderado por Angélica Figueroa. O premio Francisco Guitián Ojea recoñeceu un traballo de investigación aplicada que desenvolve un fármaco innovador contra o cancro de colon metastático. Figueroa agredeceu á Academia este galardón, salientando que “recoñece a nosa aposta por un proxecto enfocado á transferencia de coñecemento á sociedade e parécenos importantísimo que desde as institucións se valore o esforzo nesta dirección. Os premios son sempre unha gran motivación para seguir adiante e seguiremos apostando pola transferencia desta tecnoloxía, co fin de poder axudar aos pacientes con cancro”.

Diversa Technologies

O premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin- off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolvida e patentada polo grupo para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos.

Unha das fundadoras da empresa, María de la Fuente, salientou que “este premio recoñece o traballo que levamos realizando nos últimos dez anos, nos que desenvolvimos un novo tipo de nanosistemas coa ambición de poder contribuír ao descubrimento de medicamentos innovadores para dar resposta a necesidades médicas non cubertas. Motívanos para seguir a traballar polo avance da ciencia e a tecnoloxía en beneficio da sociedade galega”.

Premio Celia Brañas

Tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que foi para a reportaxe La revolución silenciosa de los informáticos da xornalista Mila Méndez Otero. Na súa intervención, a galardoada salientou que “é unha honra recibir este premio, que leva o nome dunha das pioneiras da ciencia en Galicia, a coruñesa Celia Brañas. Ela defendeu a dotación de medios para a investigación na nosa comunidade, unha reivindicación que temos que seguir realizando hoxe os medios de comunicación, porque sen ciencia non hai progreso. E, para iso, son imprescindibles os esforzos por dar a coñecer o que se fai nos laboratorios, non só nos das universidades ou institucións científicas, tamén nos do noso tecido produtivo”. Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe Explorar el poder curativo de la música de José Luís Jiménez Díaz.

IES Rosalía de Castro

Finalmente, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023 foi para o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, como centro pioneiro na realización de actividades de divulgación científica. O seu director, Xavier Mouriño, manifestou que “hai que interesar aos rapaces e rapazas en investigación e ciencia. Este é un premio para o alumnado do centro, que se está a implicar moito, e para o profesorado, que os motiva e esperta a súa curiosidade, pero tamén é un recoñecemento para todos os centros educativos de Galicia que traballan por promover as vocacións científicas”.