O IES Rosalía de Castro, Premio de Divulgación Científica 2023

A RAGC destaca que o centro ten como obxectivo “que o seu alumnado cultive a curiosidade” e as habilidades para a investigación

Imaxe dun anterior encontro do Premio Stephen Hawking que promove o instituto compostelán

Imaxe dun anterior encontro do Premio Stephen Hawking que promove o instituto compostelán / Cedida

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de conceder “por unanimidade” o Premio de Divulgación Científica 2023 ao centro de ensino público IES Plurilingüe Rosalía de Castro. A institución recoñece así “o proxecto educativo do centro no fomento da cultura científica e tecnolóxica”. “O Instituto Rosalía de Castro ten como obxectivo que o seu alumnado cultive a curiosidade e desenvolva habilidades para a indagación e a investigación. Deste xeito, senta as bases dunha cultura científica entre o estudantado da ESO, Bacharelato, STEAMbach, ciclos de FP e ESA, que lles permite acceder de xeito máis doado á investigación na universidade”, salientaron os membros do xurado da RAGC. Isto reflíctese nun amplo programa científico que contempla múltiples actividades como o Premio Stephen Hawking, para alumnado de Bacharelato de centros galegos; o Premio IN: innovación, investigación e invención, para estudantes da ESO; e a participación na Semana da Ciencia ou no Rally Matemático sen Fronteiras. No ano 2009 celebrouse no instituto o certame internacional Ciencia en Acción e o alumnado do centro participa frecuentemente nas Olimpíadas Científicas, no Certamen de Jóvenes Investigadores ou no Día da nena e da muller na ciencia.

Desde a Real Academia Galega de Ciencias manifestan que unha premisa do centro é que “a ciencia e a tecnoloxía son piares fundamentais do desenvolvemento da sociedade actual; ciencia e tecnoloxía son unha parte máis dunha formación que inclúe competencias lingüísticas, humanísticas, artísticas e solidarias. Así se recolle nos diferentes proxectos que se lles ofrecen ao alumnado, que se familiariza coa ciencia desde os primeiros anos do instituto”. Con este galardón, a RAGC quere tamén valorar o traballo nos centros de Secundaria á hora de captar vocacións e “estender este recoñecemento a todos os institutos que inclúan este ideal no seu traballo diario”.

Pola súa parte, o director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño, salientou que desde o centro “apoiamos e animamos os rapaces e as rapazas para que empecen a investigar. Poñemos as primeiras pedras co propósito de que aprendan desde a base. Estamos moi satisfeitos e orgullosos do noso alumnado e dos nosos docentes, que alimentan a súa curiosidade, pero tamén de todo o alumnado galego, que participa en moitas das nosas actividades como o Premio Stephen Hawking, con centros de ensino secundario procedentes de toda Galicia. Mouriño destacou que o Premio de Divulgación Científica é “un recoñecemento de todos os centros galegos que traballan por espertar vocacións científicas entre os rapaces e rapazas”.

O xurado desta edición estivo composto polos académicos Ángel Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como secretaria; ademais de Antonio Ballester, Antonio Rigueiro e José Ramón Cancelo.