O Ciqus busca novos tratamentos con células CAR-T en tumores de colon ou mama

Persoal investigador está implicado nun proxecto europeo financiado con 2,7 millóns polo EIC

Alberto Fuertes e Marisa Juanes, investigadores do CIQUS involucrados no proxecto

Alberto Fuertes e Marisa Juanes, investigadores do CIQUS involucrados no proxecto / Cedida

Persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) participa en CAR T-REX, un novo proxecto europeo financiado con 2,7 millóns de euros polo Consello Europeo de Innovación (EIC), que busca mellorar a eficacia e seguridade dos tratamentos con células CAR-T en tumores sólidos. Marisa Juanes e Alberto Fuertes do equipo de TraffikGene encargaranse de desenvolver o sistema de transporte que permita introducir ácidos nucleicos en linfocitos T, co fin de que estas células inmunitarias poidan manterse activas no microambiente tumoral.

“As terapias celulares e xénicas (CXT) contan cun gran potencial para transformar as actuais ferramentas terapéuticas”, explican dende o proxecto. Os tratamentos personalizados de células T con receptor de antíxenos quiméricos (CAR-T) cambiaron radicalmente o panorama logrando, nun número significativo de casos, a remisión parcial e mesmo completa e duradeira de pacientes con tumores do sangue, como leucemias ou linfomas. Con todo, a inmunoterapia con CAR-T aínda segue sendo un reto en tumores sólidos, como os de colon ou mama. “Nestes pacientes, o tratamento atópase con obstáculos como a falta de antíxenos específicos, a falta de penetración no tecido tumoral e, sobre todo, o esgotamento que sofren estas células inmunitarias e que lles leva a perder a súa función”, sinalan.

Neste contexto, o proxecto explora un novo paradigma para xerar células CAR-T melloradas, combinando un sistema de entrega de material xénico con edición xenética de precisión nas células T.