O Citius coordinará unha rede científica que velará por unha intelixencia artificial fiable

Baixo o título 'Intelixencia artificial fiable: retos técnicos, éticos, legais, culturais e socioeconómicos', a rede temática reúne a doce grupos de investigación amplamente recoñecidos, tanto a nivel estatal como internacional

Investigadores do Citius que liderarán a rede nacional TELSEC4TAI.

Investigadores do Citius que liderarán a rede nacional TELSEC4TAI. / l.rey

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes(Citius) liderará a rede española de investigación para unha Intelixencia Artificial fiable. Baixo o título Intelixencia artificial fiable: retos técnicos, éticos, legais, culturais e socioeconómicos, a rede temática reúne a doce grupos de investigación amplamente recoñecidos, tanto a nivel estatal como internacional, co obxectivo de crear unha comunidade forte que poida liderar a investigación no campo da ‘Intelixencia Arficial fiable’, fomentando a colaboración con outros grupos de referencia internacionais e coa industria, así como entre os seus propios integrantes.

O investigador do CiTIUS José María Alonso, coordinador da rede, resume, en poucas palabras, o obxectivo principal desta nova alianza: “aspiramos a xerar conciencia social sobre a importancia de avanzar cara a unha nova xeración de dispositivos intelixentes, que respecten e fomenten os principios de non discriminación e equidade, con capacidade de explicar as súas decisións de forma comprensible para as persoas”.

José María Alonso pon en valor que “TELSEC4TAI non só está aliñada co Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), que recoñece o dereito dos cidadáns para reclamar explicacións das decisións automatizadas derivadas dos datos persoais, senón tamén coa nova regulación europea sobre IA (‘AI Act’) votada polo Parlamento Europeo este mes, destacando a importancia de desenvolver unha IA centrada nas persoas, para facer aos cidadáns máis informados e capaces de tomar mellores decisións”.

Esta rede española de investigación está financiada pola Axencia Española de Investigación (AEI) e o Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.