Os colectivos LGBTI alertan do aumento das violencias e dos discursos de odio en Santiago

A manifestación organizada por Avante+, Amizando e alumnas de Traballo Social bota a andar ás 20 horas na Praza 8 de marzo

Dende o pasado 12 de xuño a cidade engalanouse coas cores do Orgullo LGBTI / Santiago turismo

Dende o pasado 12 de xuño a cidade engalanouse coas cores do Orgullo LGBTI / Santiago turismo / Ana Triñáns

Cada 28 de xuño celébrase en todo o mundo o Día do Orgullo LGBTI (Lesbianas, Gais, Bisexuais, Trans e Intersexuais). Cada cidade ten as súas mobilizacións, comunicados e lemas, como acontece hoxe en Compostela coa lectura do manifesto institucional na Praza do Obradoiro (11.30 horas) e coa mobilización organizada por Avante+ LGBTI, Amizando e o colectivo da Escola de Traballo Social (ás 20 horas parte da Praza 8 de Marzo).

Eugeni Rodríguez: "Hay una música que suena que se llama fascismo"

Javier Rosende Novo

O que non hai, propiamente, é un lema, máis ca iso o que se vai defender é un posicionamento “contra a derogación da Lei Trans (Lei 04/2023) que prometeu Feijóo, que saiba que nos ten e nos vai seguir tendo en fronte”, afirma Xandre Garrido, do colectivo Avante+ LGBTI. Con el coinciden Hayden Dopico (Amizando) e Carmen Álvarez (Escola de Traballo Social), ao indicaren que na cidade, coma no resto do Estado, se está a producir un aumento das agresións e das violencias LGTBIfóbicas, un incremento que vencellan cos discursos de odio aos que se lles poñen altavoz “dende determinados partidos políticos”. “Estase a normalizar ese discurso”, advirte Hayden Dopico, “ e iso explica que Vox poida colocar unha pancarta LGBTIfóbica e non pase nada, porque aínda que a retiraron, xa calou na mocidade”. Dopico refírese á pancarta colocada pola formación de ultradereita na rúa Alcalá de Madrid, na que baixo o lema “Decide lo que importa” se tiraban ao lixo unha serie de bandeiras, entre elas a do colectivo LGBTI, e que a Xunta Electoral Central obrigou a retirar.

Xandre Garrido, Avante + LGBTI

Xandre Garrido, Avante + LGBTI / Ana Triñáns

“É importante unir forzas para que non se bote atrás a Lei Trans”, explica Carmen Álvarez, que ten claro que se precisan melloras no ámbito sanitario e no educativo. “Agora no CHUS hai unha unidade para persoas trans”, comenta, “pero tamén é necesario que cheguen os contidos LGBTI ás aulas para dar un paso máis alá da tolerancia”. Unha liña que seguen tamén dende Amizando, como explica Dopico “a sociedade ten que ser consciente de que se necesita a súa colaboración xa dende o ámbito familiar”, asegura en referencia ao acceso a contidos de odio que chegan incluso “a través dalgúns influencers”.

Carmen Álvarez, Traballo Social

Carmen Álvarez, Traballo Social / Ana Triñáns

Este incremento das violencias afectou tamén á campaña de promoción do evento desta xornada, no que os tres colectivos realizan un xantar campestre en Belvís e foliada antes do comezo da manifestación. “As violencias están en aumento, as agresións físicas tamén e a nivel global, non teñen un rexistro local pero cada vez que poñemos carteis, ás poucas horas aparece vandalizado, e non só por xente da ultradereita, tamén por unha parte do feminismo que nos acusa de misoxinia”, asegura Xandre Garrido. Alén desta cuestión máis vencellada ao Día do Orgullo, “a situación da LGBTIfobia dáse moito na contorna familiar”, especifican dende Avante+, unha organización “máis de rúa” pero que acompaña e asesora as persoas que se achegan á asociación logo de padeceren algún tipo de maltrato, físico ou verbal.

Ao igual que Carmen Álvarez, que menciona a necesidade de crear instrumentos e recursos para a formación á hora de tratar as persoas do colectivo, Garrido explica que dende a Administración, falta formación específica, “na Policía si que houbo esa formación pero non é suficiente, tamén porque quen participa é xente que xa está concienciada”. E aínda que non só aumentaron as violencias, senón tamén o número de denuncias, este data non é preciso porque “moitas non se rexistran”, asegura Garrido que tamén lembra que co anterior executivo local (PSdeG) se falara da creación dun Centro de Asesoramento LGBTI que aínda non se levou a cabo. “Até a pandemia mantiñamos reunións periódicas con Mercedes Rosón (exconcelleira de Igualdade), agardamos que co novo goberno local se poida recuperar esa práctica”, explica.

Hayden Dopico, Amizando

Hayden Dopico, Amizando / Ana Triñáns

As celebracións do Orgulo LGBTI de Compostela non se limitan ao 28 de xuño. Dende o 12 deste mes o concello puxo en marcha un ano máis a programación Compostela Diversa, de apoio a estes colectivos. Unha serie de actividades de visibilización que tamén busca “implicar a todo o tecido empresarial da cidade”, conta Manuel Moledo, coordinador de Compostela Diversa. “O ambiente no que se desenvolven as actividades é sempre de respecto, acolledor e amable, e até o de agora ningún establecemento comunicou problemas coa clientela por levaren os madís coa bandeira arcoiris ou esas mesmas cores nos pousavasos”, afirma Moledo.

Que supoñería a derogación da Lei Trans en canto á violencia?

Coa derogación da Lei 04/2023 tamén se estarían a eliminar unha serie de medidas contra a discriminación e violencia LGBTIfóbica, como é “o dereito das vítimas a unha asistencia integral e especializada”, cuestión recollida na coñecida como Lei Trans, na que as distintas administracións teñen un papel fundamental, coma no caso de calquera outro colectivo discriminado ou excluído. Ademais, e como acontece con outras violencias, a contorna familiar é onde se dan estas situacións nunha porcentaxe maior, a lei contempla no seu artigo 69 as “Medidas de protección fronte á violencia no ámbito familiar” e no capítulo III do Título III refírese á protección das persoas LGBTI en situacións especiais, entre eles menores e dependentes, que ficarían aínda máis desprotexidos se se derogase a Lei Trans.