A Garda Civil expón en Santiago material para a desactivación de artefactos e traxes especiais

A mostra vén de ser inaugurada na Cidade da Cultura con motivo do 50 aniversario do Servizo de Desactivación de Explosivos e Defensa Nuclear, Radiolóxica, Biolóxica e Química (SEDEX)

Inauguración da exposición de medios da Garda Civil polo 50 aniversario dos SEDEX na Cidade da Cultura

Inauguración da exposición de medios da Garda Civil polo 50 aniversario dos SEDEX na Cidade da Cultura / Subdelegación do Goberno

ECG

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu a inauguración da exposición de medios e material da Garda Civil con motivo do 50 aniversario do Servizo de Desactivación de Explosivos e de Defensa Nuclear, Radiolóxica, Biolóxica e Química (SEDEX-NRBQ), celebrado na Cidade da Cultura de Santiago.

A mostra, que será itinerante, pon en valor a historia deste grupo especializado en explosivos dende a súa creación o 2 de marzo de 1973. Na mesma pódese observar a historias dos artefactos explosivos utilizados polos grupos terroristas como o Grupo de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro (Grapo), o Exército Guerrilleiro, Resistencia Galega o ETA, que coas súas accións fixeron que a Policía creara este equipo de especialistas.

Durante a súa intervención, María Rivas utilizou as palabras valentía, xenerosidade, heroísmo e entrega para definir ao SEDEX e recalcou que, dende a súa creación, este corpo mantén intacto o seu compromiso coa cidadanía, coa liberdade e coa defensa e garantía dos dereitos.

A subdelegada do Goberno ironizou coa imaxe que moitas veces se forma no imaxinario das persoas a través do mundo do cine e da televisión e reivindicou a súa profesionalidade e exemplaridade. “Aquí non hai cable vermello ou cable amarelo que cortar. O que hai é moita preparación, formación, profesionalidade e non pouca intuición. Porque a disciplina, a formación, ou a instrución, son tan importantes ou máis que o valor. E niso a Garda Civil, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, son exemplares”.

María Rivas destacou a gran oportunidade que supón esta exposición para “facer memoria e poñer en valor a evolución, o crecemento e perfeccionamento deste grupo de especialistas que é o SEDEX”. “Como subdelegada do Goberno sinto un enorme orgullo polos homes e mulleres que forman parte das Forzas e Corpos de Seguridade do noso país, sempre dispostos a dar respostas e a buscar solucións en aras da seguridade e da protección á cidadanía”.

María Rivas e Gonzalo Trenor durante a visita á exposición de material dos SEDEX da Garda Civil

María Rivas e Gonzalo Trenor durante a visita á exposición de material dos SEDEX da Garda Civil / Delegación do Goberno

A subdelegada aproveitou a súa intervención para recoñecer de novo á que foi a única muller do SEDEX en España durante 11 años, Begoña Sampedro, “por ser capaz de romper barreiras e converterse nun referente para moitas mulleres”. Tamén recoñeceu o feito histórico que supón a recente incorporación de dúas novas mulleres ao corpo.

A subdelegada rematou a intervención expresando a súa gratitude tanto ao SEDEX “por ser garantes da nosa liberdade”, como ás súas familias pola xenerosidade. Ademais animou a toda a cidadanía a facer unha visita a esta exposición.

Pola súa parte, o responsable da comandancia de A Coruña, o tenente coronel Jorge Bodelón, recordou que esta forza padeceu 14 mortes e medio centenar de feridos de axentes no servizo en España dende o inicio das actividades deste grupo.

Ademais, subraiou que este grupo de tarefas ampliaron as súas funcións e que tamén están para previr as ameazas nucleares, radiológicas, biolóxicas e químicas, de aí as siglas NRBQ.

Na exposición verase a evolución dos elementos e equipos, como traxes, máscaras ou robots, que utilizaron este grupo. Unha das mostras máis chamativas será o escaparate onde se exhiben a variedade de granadas de man utilizadas na Guerra Civil que, según explicaron os organizadores, "siguen encontrando a día de hoy" en todo o territorio nacional.

A exposición

A mostra de medios e material da Garda Civil levarase a cabo dende o 12 ao 15 de xullo na Sala de Eventos do Edificio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

A exhibición conta con unha gran variedade de material deseñado específicamente para a desactivación de artefactos así como outros dispositivos, e traxes especiais utilizados polos e polas axentes TEDAX da Garda Civil.