O Plan Especial protagoniza a xuntanza entre a alcaldesa e a Asociación Fonseca

Recollida de lixo, mobilidade e turismo: prioridades para o casco histórico

Pazo de Raxoi

Pazo de Raxoi / ECG

Ás 13.30 horas, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibe no Pazo de Raxoi o presidente da Asociación Veciñal Fonseca, do casco histórico. Na xuntanza, segundo compartiu con EL CORREO o presidente da entidade, Roberto Almuíña, tratarase, entre outros temas, o Plan especial da zona vella. “Na anterior lexislatura parouse a revisión dese plan e non queremos que quede en vía morta”, afirmaba onte Almuíña. “Hai que flexibilizalo para que a xente veña vivir aquí”, engadía.

O contrato de recollida de lixo é outra das cuestións sobre as que a asociación Fonseca quere falar coa alcaldesa: “Pasaron 14 meses dende que se asinou por aquí os camións novos que ían vir, nin se ven, nin se esperan”. Unha deficiencia na atención da veciñanza do casco histórico, á que tamén se suma a precariedade do Plan de mobilidade. “Só hai catro prazas de zona verde no sur do casco”, explica Almuíña, “necesitamos tamén que se respecten as áreas de Rodrigo de Padrón, que sempre están ocupadas, e que se habiliten novas prazas na Travesa da Universidade e en San Clemente”.

O turismo e a afluencia de peregrinos son outras das preocupacións que Roberto Almuíña poñerá enriba da mesa na xuntanza. O presidente da asociación reivindica que os locais hostaleiros “paguen pola superficie” tamén de rúa que ocupan e polo tipo de local, “se están como bares non poden traballar como restaurantes”, denuncia.

Finalmente, pedirá que se actúe fronte aos peregrinos “que deixan mochilas e bicicletas nas portas das casas”, en especial na rúa Carretas, onde se atopa a Oficina do Peregrino, explica Roberto Almuíña.