Sanmartín: “A mellor aposta polo deporte é potenciar un cambio de mobilidade”

Saleta Chao e Goretti Sanmartín presentando as propostas en deporte.

Saleta Chao e Goretti Sanmartín presentando as propostas en deporte. / k.m.

Goretti Sanmartín, acompañada de Saleta Chao, presentou este venres as propostas de Deportes que desenvolverá co BNG na Alcaldía, que van na liña da transversalidade, a inclusión e a igualdade, ademais de mellorar as infraestruturas e de impulsar a realización dunha piscina olímpica en Santa Marta e a Cidade da Raqueta con outras administracións.

A candidata do Bloque explicou que a mellor aposta polo deporte e a saúde é potenciar un cambio de mobilidade, que permita favorecer os desprazamentos a pé e en bicicleta, tanto para o lecer como para ir a traballar. “O deporte é un elemento fundamental para que haxa turismo deportivo, temos que atraer competicións deportivas de máximo nivel en fin de semana para favorecer a diversificación turística”, engadiu.

O BNG aposta por crear a Escola deportiva de xogos tradicionais, para atender esa demanda en colaboración coas asociacións existentes, e por potenciar o deporte de base, para persoas maiores e con diversidade funcional, de xeito coparticipado.

O deporte é fundamental e ten que formar parte da vida diaria, para o que é necesario levalo aos parques, ás prazas, facer programas interxeracionais e compartir infraestruturas da Universidade e dos centros educativos para un correcto mantemento. E engadiu a aposta polo deporte feminino e a saúde das mulleres, coa inclusión da perspectiva de xénero nas infraestruturas e eventos.