A área sanitaria compostelá estrea un innovador microscopio para neurocirurxía

Aporta tecnoloxía de imaxe avanzada e aumenta a ergonomía, o que ofrece unha maior seguridade e calidade na asistencia

Este investimento vén sumarse ao realizado nos quirófanos de neurocirurxía para o que a Xunta destinou máis dun millón e medio de euros

O novo microscopio que estrea a área sanitaria de Santiago e Barbanza permite unha visualización nítida e detallada das estruturas cerebrais,

O novo microscopio que estrea a área sanitaria de Santiago e Barbanza permite unha visualización nítida e detallada das estruturas cerebrais, / Xunta

ECG

Os quirófanos da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza seguen a incorporar tecnoloxía de vangarda. Nesta ocasión, segundo informa a Xunta, estreando un innovador microscopio compacto de alta especialidade para neurocirurxía. Este microscopio cirúrxico está deseñado especificamente para satisfacer as necesidades dos neurocirurxiáns, ao brindar unha visión e precisión extraordinaria durante os procedementos cirúrxicos no cerebro e no sistema nervioso.

Este investimento de 423.500 euros enmárcase no programa de subministro de radiodiagnóstico e de microcirurxía para hospitais do SERGAS susceptible de financiamento ao 100% no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19.

O novo microscopio conta cunha óptica de alta resolución que permite unha visualización nítida e detallada das estruturas cerebrais, facilitando a identificación de áreas criticas e a actuación máis precisa. A iluminación tamén mellora a visibilidade, reducindo a visibilidade e reducindo a fatiga ocular do cirurxián.

O deseño ergonómico do microscopio permite un posicionamento cómodo e axustable, adaptándose ás necesidades individuais de cada profesional, o que contribúe a unha maior comodidade e precisión durante os procedementos cirúrxicos.

“Trátase dun paso máis na modernización dos quirófanos que nos sitúa entre os mellores do estado, posto que poucos contan cunha tecnoloxía e última xeración como a nosa”, explica Miguel Gelabert, xefe de servizo de Neurocirurxía compostelá.

Pola súa banda a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, destaca que “as novas incorporacións supoñen maior precisión e seguridade para o paciente e para os profesionais”.

Este investimento vén sumarse ao realizado recentemente, para o que a Xunta destinou máis dun millón e medio de euros para a área de neurocirurxía e que inclúe un sistema escáner e un ecógrafo intraoperatorio - que aportan seguridade e control en tempo real do campo de visión do cirurxián-, amais unha padiola de altas prestacións e un novo sistema para biopsiar, entre outros.

Tamén se incorpora un sistema de neuronavegación que permite a xestión dixital de toda a imaxe de quirófano e mellora a realización dos procedementos de neurocirurxía, que precisan manipular estruturas e tecidos singulares, como o sistema nervioso e as súas cubertas.