O PP reclama a elaboración dun Plan Estratéxico Municipal de Voluntariado para Santiago

O concelleiro Borja Rubio, insistiu en que, unha cidade como a capital de Galicia, debería contar con máis iniciativas como a que está a realizar o Centro Xuvenil Don Bosco

Reitera que o Goberno municipal debería pórse a traballar para que cada vez existan máis organizacións que leven a cabo estas tarefas

O concelleiro Borja Rubio durante a súa visita ao centro Don Bosco

O concelleiro Borja Rubio durante a súa visita ao centro Don Bosco / PP

ECG

O Partido Popular de Santiago vole reclamar, como xa fixera no último Pleno ordinario, a creación dun Plan Estratéxico Municipal de Voluntariado para Santiago. A iniciativa, como reitera o concelleiro Popular, Borja Rubio, é “fundamental para fortalecer a participación cidadá, abordar as necesidades específicas da nosa comunidade, fomentar a colaboración entre entidades e organizacións, promover o desenvolvemento persoal dos voluntarios e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.

Acompañado pola tamén concelleira Olaya Otero, Rubio puido observar de primeira man a importancia do traballo do voluntariado, na súa visita ao Centro Xuvenil Don Bosco, onde centos de nenos e nenas gozan o verán, facilitando tamén a conciliación aos seus proxenitores.

O popular insistiu en que, unha cidade como a capital de Galicia, debería contar con máis iniciativas como esta, sobre todo, no mes de agosto, polo que reiterou que o Goberno da Sra. Sanmartín debería pórse a traballar para que cada vez existan máis organizacións que leven a cabo estas tarefas.

Para isto, o Partido Popular considera imprescindible contar con dito Plan, que significaría fomentar e facilitar a participación activa; e brindaría ademais un marco organizativo claro, establecendo programas e proxectos específicos que permitan aos voluntarios contribuír de maneira efectiva na mellora do Concello. Medidas tamén encamiñadas a fortalecer o sentido de pertenza, a solidariedade e a responsabilidade cívica dos cidadáns cara a Compostela.

Así mesmo, como explica Borja Rubio, “estableceríase unha colaboración efectiva entre organizacións: facilitando a cooperación entre as entidades do terceiro sector, as institucións locais e os voluntarios, creando unha sinerxía que permitirá unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles, evitando duplicidades e promovendo a reciprocidade para alcanzar obxectivos comúns”.