O PP pide que a liña 6A se converta xa nun bus lanzadeira ao aeroporto

Ven necesario adiantar a medida para evitar os colapsos no viaxe a Lavacolla

Usuarios do bus do aeroporto agolpados para entrar nunha parada

Usuarios do bus do aeroporto agolpados para entrar nunha parada / Antonio Hernández

As liñas 6 e 6A do transporte urbán que conectan o centro da cidade co aeroporto Rosalía de Castro levan meses colapsadas. A miudo os pasaxeiros que van a Lavacolla ou os veciños teñen que quedar na parada por falta de espazo nos buses. O novo contrato do transporte, que agora vaise volver retrasar polo menos un ano tras anularse a licitación, preveía a creación dun autobús lanzadeira que viaxase cara a terminal sen paradas. Os populares de Santiago piden o Concello que non esperen e activen de xeito inmediato o servizo.

“Despois de coñecerse que haberá que agardar ata, polo menos o ano 2025, para contar cun novo contrato de transporte público, o Partido Popular de Santiago solicita ao goberno municipal que a liña 6 (Os Tilos – San Marcos) realice o seu traxecto ata a rotonda do aeroporto, sen realizar a entrada na terminal, coa finalidade de dar servizo á veciñanza de San Marcos e Lavacolla”, indicou o partido nunha nota de prensa. Para a liña 6A, os populares demandan que se converta nun autobús lanzadeira desde a terminal do aeroporto ata a estación intermodal.

“Un traxecto directo, sen paradas, e cun prezo adaptado a este servizo xa que, ata o de agora, o custe do billete (sen bonificacións) é de 1€. O mesmo prezo que para calquera usuario dentro da cidade”, suliñan. O concelleiro Adrián Villa puxo como exemplo Madrid, Barcelona ou Sevilla; cidades nas que o prezo do autobús desde o Aeroporto ao centro da cidade é de 5, 4,50 e 4 euros respectivamente. Dentro desta tarifa especial, tamén propón que, para os cidadáns de Compostela, se poida empregar este servizo coa tarifa do abono, é dicir, os 0,60€ (sen bonificacións) da tarxeta de autobús.

Adrián Villa afirmou que o único que fai o Partido Popular é facerse eco dunha demanda veciñal, xa que co desdobramento da liña, os usuarios perderon frecuencias e mesmo quedan “tirados” nas paradas posto que os autobuses saen do aeroporto totalmente completos. Por outra banda, Villa tamén aproveitou para indicar que é “lamentable” que os turistas tarden máis en chegar de Lavacolla á Praza de Galicia que de calquera cidade de Europa a Santiago.

Espazo para as maletas

O concelleiro popular solicitou unha adaptación dos autobuses do aeroporto. Afirmou que “xa que pagamos 5.000€ ao mes polo aluguer de cada autobús o razoable é que se aluguen adaptados, é dicir, con espazos habilitados para as maletas”. Villa indicou que esta demanda xa a levaron a cabo cando se desdobrou esta liña e que, posto que o goberno socialista fixo caso omiso a un problema de mobilidade da veciñanza de San Lázaro, San Marcos e Lavacolla; agarda que o bipartito demostre ese compromiso manifestado co transporte público ante a que cualificou “a peor noticia do mes de agosto para Santiago, coñecer que non haberá novo contrato ata, como pronto, o ano 2025”.