Santiago recupera o turismo de congresos cunha decena de eventos en setembro

No mes de outubro hai previstos catro grandes encontros vinculados co sector sanitario

Dende Raxoi ven necesaria unha internacionalización do sector de cara aos vindeiros anos

Congreso da Sociedade Española de Enfermedades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) celebrado en xuño no Palacio de Congresos

Congreso da Sociedade Española de Enfermedades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) celebrado en xuño no Palacio de Congresos / Jesús Prieto

Os congresos, feiras e xornadas de traballo gañan forza como motores turísticos na capital galega. Hai unha década estas citas xa supoñían unha importante fonte de facturación do sector, pero o seu peso reduciuse coa chegada da pandemia. Dende o ano pasado, a actividade congresual en Santiago volveu a recuperar importancia.

A previsión é que o ano 2023 sexa un grande ano para o sector congresual da cidade, apuntalando a desestacionalización da demanda na cidade. Nos seis primeiros meses do ano houbo múltiples eventos que dinamizaron a demanda turística da cidade: como o oitavo Symposium internacional de Biopsia Líquida, que se celebrou no mes de xaneiro; a Conferencia Mundial da Educación, no mes de febreiro; o quinto Congreso Nacional da Asociacion Interim Management, en marzo; as Trixésimas Xornadas de Publicidade Exterior, no mes de abril; e en maio o 50 Congreso Nacional de Dermatoloxía e Veneroloxía, con máis de 2.000 participantes e máis de 1.000 acompañantes. Xa no mes de xuño, celebrouse o Congreso da Sociedade Española de Enfermedades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC).

Dende a oficina da Santiago Convention Bureau, servizo municipal pertencente a Turismo de Santiago, sinalan que o sector congresual volverá a coller forza tras o verán. Así por exemplo en setembro celebraranse o “XIII Congreso da Sociedade Española de Psicofisioloxía e Neurociencia Cognitiva e Afectiva (SEPNECA), do 7 ao 9 de setembro, o “ Congreso da Sociedade Española de Ortodoncia”, un cumio de ministros da Unión Europea e Latinoamérica e unha reunión do Consello de Asuntos Económicos e Financeiros da Unión Europea, do 15 ao 16 de setembro, no marco da presidencia española da UE, e o “II Congreso de Alineadores y Nuevas Tecnologías”, do 22 ao 23 de setembro, con 1.500 participantes estimados.

A éstas súmanse outros eventos como Suitma 12 th Conference on Soils of Urban, Industrial, Traffic, Mining and Military Areas; EUROFI Finacial Forum; NAFO 45 th Annual Meeting (Northwest Atlantic Fisheries) ou o CKM 2023: 12 th Internacional Workshop on the CKM Unitarity Triangle.

No mes de outubro tamén hai previstos catro grandes congresos vinculados co sector sanitario, que axudarán a prolongar a temporada turística xa no outono. Son o “XIX Congreso Nacional de Neonatología y Medicina Perinatal”, o “IX Congreso Nacional de Enfermería Neonatal”, o “IX Congreso de la Sociedad Española de Epilepsia” e o “34º Congreso Nacional de la Sociedad Española de Alergología e Inmunología Clínica”.

Dende Turismo de Santiago manifestan a este medio que estas só son algunhas das citas programadas “máis relevantes” para as cales fan un seguimiento e ás que se irán sumando outras no momento en que estean confirmadas.

Este tipo de turismo axuda aos hoteis a alcanzar un dos seus grandes obxectivos: desestacionalizar a demanda e que a influencia de viaxeiros non se centre unicamente nos meses de verán, festivos, fins de semana ou pontes. Isto vai unido a que o propio sector observa con preocupación que nos últimos anos ese gasto por viaxeiro diminuíu, especialmente nos meses de verán, onde o perfil é distinto ao do visitante que acode a Santiago por motivos profesionais.

Aposta polo sector dende Raxoi

A concelleira de Capital Cultural e Turismo, Miriam Louzao, afirma en conversa con este medio que o 2023 está sendo “un gran ano” para o sector de congresos, o que considera “fundamental para o modelo turístico da cidade” que aposta pola “sostibilidade e a convivencia coa veciñanza”. Isto dase grazas a que os congresos e outros encontros de carácter profesional “serven para desestacionalizar a demanda turística” Louzao define a este público como “respectuoso co patrimonio e cos lugares nos que se celebran os eventos”, ademais do punto a favor relativo a que o seu gasto “é superior ao do turista tradicional”.

O obxectivo xa de cara a vindeiros anos, en palabras da edila, é “manter e mellorar o turismo de negocios e internacionalizalo” co fin de chegar a un mercado estratéxico como pode ser Estados Unidos.