Entrevista | Xosé Henrique Rivadulla Corcón Escritor, locutor, guionista e presentador

“A xente de ‘Chorente’ ten unha motivación poética”

O poeta e presentador, X. H. Rivadulla Corcón

O poeta e presentador, X. H. Rivadulla Corcón / Cedida

O autor e presentador da TV dá a coñecer esta tarde, ás19:30 horas no bar Azotea (rúa Salvadas) o seu libro de relatos 'Chorente' (Ed. Positivas).

Gustaríame, en primeiro lugar que me falase da orixe deste libro.

Este é un libro de relatos cunha singularidade, que están escritos dende hai moitos anos... arredor de 2006, porque eran unha colaboración no programa ‘As quimbambas’, da Radio Galega (RG). E este magazine acababa diariamente cun conto meu. Eses relatos quedaron aí, por sorte non se destruíron, e non sei moi ben por que, pero un día fun ver que me dicían eses relatos agora, despois de tantos anos. A min traíanme moitos recordos daquel tempo e iso suscitou que tivera ganas de editalos. Tamén me preguntaba se esa boa sensación que me causaran a min lla ía causar a alguén máis. Dinllos a Francisco Macías (editor de Positivas) e el considerou que si, que había e editalos. Por iso digo que é singular, porque son contos que non naceron para ser editados e ademais estiveron moito tempo sen pensar neles e agora saen á luz.

A obra tamén ten unha estrutura un tanto curiosa...

Os relatos naceron breves porque consideraba, que ao seren lidos na radio, o oínte podía perder a atención, que é o normal se é longo. Lidos na radio, cada un deles, tiñan unha duración duns dous minutos. Pensei tamén que estes contos tiñan que ter unha unidade, non era preciso que fosen todos distintos, así que se creou un pequeno universo. Todo pasa arredor unha vila que se chama Chorente, na radio non se chamaba así, e tamén arredor dunha lagoa, que é a que protagoniza o primeiro conto, o seu nacemento. Ao seren breves, moitas veces, o que se contaba necesitaba máis extensión e iso facía que esa historia se fose continuando noutros días. Hai por exemplo un relato, protagonizado por un almirante, que se chama o almirante Gagá, que chega a vivir a Chorente, sen que se saiba moi ben por que, xa maior. Pois ao longo de moitos días fomos contando a súa historia, a súa morte, a súa conversión en fantasma e a súa volta á vila, porque anque non estaba vivo seguíalle gustando estar alí. Así que, efectivamente teñen unidade, pero para quen o queira considerar así, tamén se pode ver coma unha novela, porque tamén conta a historia de toda unha vila con personaxes que se repiten.

Como nace Chorente, o lugar?

Hai dúas formas de nacer, unha é a literaria, o que se conta, e outra como nace na cabeza do autor. A literaria é moi simple e xa indica o carácter que van ter os contos. A primeira historia protagonízaa Xan Cedo, que decide enterrar un tesouro nunha leira que ten, entón cava para gardalo pero despois de ter o furado feito decátase de que non ten ningún tesouro material que poida enterrar. Pero deixa o furado, por se un día ten un tesouro que enterrar alí. E que pasou? Que se puxo a chover, e empezou a caer a auga no furado, chove durante días nese lugar porque a aua se quere xuntar alí, o que provoca que o sitio se converta nunha lagoa e casa de Xan Cedo queda baixo dela. E a partir de aí comezan a pasar cousas na vila relacionadas con esa lagoa. Dende o punto de vista persoal, de por que eu escribín eses contos, para empezar debo dicir que se debe ás persoas que traballaban no programa as Quimbambas (Susana Rois, a directora; Amelia García, a redactora; e Conchita de la Fuente, a produtora), que foron as que me convidaron a colaborar. E cando pensei que escribir, o que me xurdiu, e era a primeira vez que escribía desta maneira, foi unha escrita moi libre, sen plan prefixado, cousas que me viñan á cabeza e que tiñan que ver coa miña vida cotiá. E tamén quixen que as personaxes levaran o nome de amigos e amigas, que non son eles, tan só a personaxe leva o seu nome. Veume á cabeza a escritora Anxos Sumai, que no libro é unha aviadora que chega a Chorente; Xosé Antonio Perozo vive alí e decide fundar un xornal; ou o actor Pepe Soto, que é o mestre da escola... Aproveitar os seus nomes resultábame divertido.

Parece que nos relatos de Chorente hai maxia, hai tamén poesía?

Si. A xente de Chorente é poética, a súa motivación é poética no que fan. Hai un conto que explica como podes saber se alguén é de Chorente. Son actitudes poéticas moi simples, e é como a min me gustaría que fose o mundo, esa xente é amable e non busca o interese persoal senón o interese común, que tratemos de comprendernos nas nosas diversidades.

Como vai ser o evento de hoxe?

Susana, Amelia e Conchita estarán, porque son fundamentais para que o libro hoxe exista, porque tamén me sentía moi ben acollido no programa. E son tamén personaxes do libro, hai tres mulleres ás que chamo “as entrañables, venerables ancianiñas”. Noutras vilas onde presentemos e poidan vir outras persoas ás que lle collín prestado o nome tamén o faremos. Logo acto vai ser un pouquiño coma o libro, sen un plan prefixado, imos facer un pouco así, tamén porque o editor é Paco Macías, un home totalmente espontáneo e imprevisible. Iso pasou con Moraime, unha pequena vila con mar, e as explicacións eran totalmente fantásticas porque rematábamos falando de cousas que non tiñan nada que ver co libro pero que das que nos apetecía falar. E mañá haberá algo que considero máxico, que tres personaxes do libro van estar alí e iso a min nunca me pasara. É un libro moi absurdo, de literatura do absurdo.

Deixando o libro a un lado, vostede é polifacético, en que medio se sente máis cómodo?

Se falamos estritamente de medios de comunicación, a min o que me gusta é facer radio. Fixen durante períodos pero non dunha forma continuada, o que máis fago e sigo facendo é televisión, é o meu medio de vida, pero creo máis na radio como medio, porque é máis íntimo, un pode facelo máis á súa maneira e en moitos casos é máis directo.

En canto a literatura, que xénero prefire como escritor?

Se falamos de xénero non teño dúbida ningunha, considérome poeta, é o que quero escribir. Cando escribo outro tipo de cousas: narrativa, televisión, radio... Tento sempre que a poesía estea presente, non sempre como formas poéticas, se non da maneira de retratar as situacións. Tento que a poesía sempre estea na miña vida, que cando faga algo na vida sexa por intereses poéticos e non materiais, que estes últimos son necesarios, pero que sempre haxa un trasfondo poético.