Entrevista | Raquel C. Pico Escritora e Xornalista

“Os millennials son unha xeración moi queimada, moi frustrada e esgotada”

Raquel C. Pico, autora de ‘Millenials’

Raquel C. Pico, autora de ‘Millenials’ / Jesús Prieto

Xosé Aldámiz

Xornalista nacida en 1984 e formada na USC, Raquel C. Pico recibiu polos seus traballos publicados en diferentes cabeceiras os premios profesionais Manuel Reimóndez Portela e Dora Vázquez. Tras escribir sobre o modelo de muller galega de hai cen anos con Noticias da modernidade, agora publica xunto á editorial Galaxia a súa última obra: Millennials. A autora presentará hoxe o libro as 19.30 horas na libraría Couceiro.

Onde naceu a idea do libro?

É unha mestura de varias cousas. Primeiro eu son millennial; esto é como algo vivido en primeira persoa. Despois, como xornalista, na década anterior escribín moitísimo porque os millennials estaban de moda nos medios. Había interese nas entidades especializadas en publicidade, empresas e tecnoloxía por comprender esta xeración e o seu mundo. Cando chegou a pandemia, a crise económica que a seguiu tivo un elevado impacto sobre os millennials. Foi como unha mestura destas cousas e de querer saber e analizar os datos.

Como planificou a súa investigación?

Por un lado está a bibliografía. Hai unha gran cantidade de estudos sobre os millennials. Cando se fala de que esta xeración estivo moi afectada tanto pola crise de 2008 como pola da pandemia, o curioso é que as fontes abranguen todo o espectro ideolóxico; dende estudos de sindicatos ata análises de mercado das consultoras. Tamén hai bastante documentación de todo o que chega de Estados Unidos e, sobre todo, falei cos propios millennials galegos. Fixen un chamamento para averiguar quen quería contactar comigo porque non quería que fosen xente que eu coñecía.

Traballou unicamente nos territorios de Galicia?

A miña idea era escribir sobre millennials galegos e o libro trata sobre esta xeración en Galicia, pero a cuestión é que os problemas que lles afectan son globais. Digamos que o que lle pasa a un millennial en Galicia é bastante similar a un de Nova York, Cuenca, Escocia ou Alemaña. Hai bastantes similitudes e paralelismos. Son dificultades conectadas cos ciclos económicos que houbo na fin do século XX e cos cambios que estivemos vivindo a principios do XXI coa dixitalización, precarización, etc.

Que consideración ten sobre as voces críticas contra os millennials?

O de que “a culpa é da propia mozidade” é un clásico. A xeración millennial parece que estamos atrapados nunha xuventude eterna, somos un pouco post-adolescentes que xa están cumprindo 40 anos. Moitas veces estes temas abórdanse dende un punto de vista cultural e de guerra entre xeracións. Deberían tratarse cos datos en frío porque se non volvemos aos famosos “ninis”. Acusáabaselles de que non querían traballar nin estudar e a realidade era moito máis complexa. No momento en que os millennials chegaban o mercado laboral había una tremenda recesión. Non era que ti non quisexes, pero non atopabas traballo. Os datos estatísticos reflicten bastante que entrabas nese bucle de non atopar emprego e estabas aí atrapada moitísimo tempo. Era realmente frustrante porque verdadeiramente querías traballar e ter ingresos. Unha millennial díxome que “ninguén quere depender de que os seus pais lle dean cinco euros para tomar un café”.

Cal sería a definición de millennial?

É un pouco complicado. No libro comento que é como escribir horóscopos. O termo naceu arrededor do ano 2000, cando apareceu un libro que falaba da xente que estaba a piques de entrar na idade adulta co milenio. Eu puxen as fronteiras entre 1981 e 1995; cando apareceu o ordenador. A verdade é que a xente que nacemos nos 80 somos adolescentes de internet. Pensaba que isto ía marcar unha frontera máis clara entre os millennials de maior idade e os máis novos; pero o certo é que unha rapaza do 95 dicíame que para ela unha das grandes diferencias era que lembraba cando compraron o equipo na súa casa e a xente máis nova non tiña na memoria ese momento sen internet no fogar. Outra parte é que os máis novos medraron nun contexto de crise e nós vivimos o optimismo ultrapositivo dos 90, pero a realidade non era tal.

Cre que o desencanto supón un dos trazos máis importantes desta xeración?

Totalmente. Hai unha especie de fatiga. Unha xornalista estadounidense que menciono bastante nos meus libros, Anne Helen Petersen, escribiu unha reportaxe en Basir hai uns anos sobre o que ela chamaba o Burnout Millennial (O millenial queimado), que é o momento no que xa non podes máis. Tes un nivel de cansanzo mental incrible por cousas moi pequenas e eres incapaz de facelas. É unha das grandes características millennials e creo que é algo que lle custa moito entender á xente das xeracións precedentes. “Por que non chamas a Fenosa para resolver os problemas que tes da caldeira? Ou coa luz? Son cinco minutos e xa está”. Trátase dunha cuestión de esgotamento mental porque te encontraches nun contexto de moitísima precariedade no que todo é moi inestable. Pasas o día preocupándote por unha morea de cousas e non podes asumir unha preocupación máis por moi pequena que sexa. A reportaxe ábreche os ollos ao ciclo de precariedade no que hai persoas que, por exemplo, teletraballan para unha chea de xente e reciben moi poucos ingresos. Isto crea inestabilidade. Esta é unha xeración moi queimada, moi frustrada e esgotada. Ademais, o tempo pasa e chega a Xeración Z, que está máis formada que nós. É como cando che din que se che vai pasar o arroz, sentes que as oportunidades como persoa nova que vai conquistar o mundo xa pasaron.