O PP denuncia un trato discriminatorio en tres comedores escolares

Pide a Raxoi que asuma o sobrecusto en Pío XII, Lamas de Abade e López Ferreiro

O concelleiro do PPdeG en Santiago Borja Rubio, atendendo aos medios nas inmediacións do Pío XII /cedida

O concelleiro do PPdeG en Santiago Borja Rubio, atendendo aos medios nas inmediacións do Pío XII /cedida / k.m.

O PPdeG acusou este mércores a Raxoi de trato discriminatorio coas aportacións establecidas que concede a algúns dos comedores escolares dos colexios públicos de Santiago coordinados polo Goberno municipal.

Foi o concelleiro Borja Rubio o que instou ao BNG “a actuar de xeito inmediato, destinando a cantidade prevista para asumir o sobrecusto do novo servizo municipal de comedores escolares ao conxunto dos centros de ensino público que ofertan o servizo de comedor, co fin de evitar un trato discriminatorio en función de que entidade xestione este importante servizo”.

Nunha rolda de prensa, explicou que hai uns días o Concello anunciou que volverá asumir o sobrecusto do servizo de comedor escolar para o ano académico, e que lonxe de arranxar os erros dos anteriores gobernos de esquerdas, “nos atopamos con distintas varas de medir á hora de repartir as achegas entre os usuarios”, posto que a aportación só beneficia ás persoas que acceden a nove comedores de centros de ensino público, “deixando de lado ás familias no resto dos centros educativos públicos de infantil e primaria”.

Rubio remarcou que “é importante subliñar que quedan fóra desta achega as familias dos colexios públicos Pío XII, López Ferreiro e Lamas de Abade, que ofertan máis de 750 prazas para o servizo de comedor sen recibir ningunha axuda municipal directa, o que significa que as familias que estudan nestes centros están excluídas da axuda, o que crea unha situación inxusta e discriminatoria”.

O edil popular indicou que “a asunción deste sobrecusto, que ascende ao redor de 400.000 euros por parte do Concello, non ten en conta as necesidades económicas reais das familias para outorgar esta axuda”. Dixo que o prezo por día dunha praza nestes 9 comedores é de 4,5 € por persoa, e o custo real é dous euros máis elevado. Considera que esta discrepancia nos custos e a exclusión de certos centros educativos públicos do beneficio da achega xeran unha clara inxustiza no acceso a este servizo básico.

Borja Rubio lembra que, “en setembro do pasado ano, os membros do Goberno do BNG e CA deixaron claro que esta discriminación e forma de actuar non era a correcta e que a administración municipal tiña que, de continuar con esta medida, facelo para a totalidade dos comedores de centros públicos, pero a realidade é moi distinta, posto que, un ano máis tarde e con competencias directas, este Goberno non muda a forma de actuar e procede exactamente igual”.

Rubio instou ao goberno do BNG a que xestione esta achega para que todas as familias de Compostela poidan gozar dos mesmos dereitos, evitando así a situación discriminatoria que se está a crear destinando a aportación só aos centros onde o Concello asume o servizo, en detrimento dos xestionados polas propias Anpas.