Rúa Pastoriza, rodaxe da serie "El caso Asunta" e rotondas da SC20: luns de cortes de tráfico en Santiago

Os vindeiros 18, 21 e 22 de setembro as rúas Viena, Xeneral Pardiñas, Doutor Teixeiro, Restollal e Os Loureiros sufrirán restricións na circulación por mor da rodaxe da serie "El caso Asunta"

Rodaje de la miniserie de Netflix "El caso Asunta"

Rodaje de la miniserie de Netflix "El caso Asunta" / Jesús Prieto

A partir do vindeiro luns, 18 de setembro, a rúa da Pastoriza quedará pechada ao tráfico durante aproximadamente tres meses debido á execución das obras de urbanización e de adecuación das infraestruturas urbanas da vía. O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio da Almáciga na súa vertente oeste e nas súas zonas altas, según informa o Concello de Santiago. En concreto, esta fase centrarase nesta arteria principal que se estende desde San Roque ata a praza da Paz, xa en Salgueiriños, e que conecta o barrio co resto da cidade.

Durante os tres meses estimados de duración dos traballos, os vehículos serán desviados cara ás rúas Xoán XXIII e Coímbra.

Tamén os vindeiros 18, 21 e 22 de setembro, as rúas Viena, Xeneral Pardiñas, Doutor Teixeiro, Restollal e Os Loureiros sufrirán restricións na circulación por mor da rodaxe da serie "El caso Asunta". O luns haberá un corte total de tráfico na rúa Viena, dende as 08:30 horas ata as 19:00 horas con desvío dos vehículos. Non afectará ao transporte urbano. O xoves, cortes intermitentes de tráfico (5 a 10 minutos) na rúa do Restollal, sentido centro da cidade, para a gravación do percorrido cun vehículo "CAMARA CAR", dende as 15:00 horas ata as 17:00 horas; cortes intermitentes de tráfico (3 a 5 minutos) na rúa Doutor Teixeiro (no cruzamento coa rúa da República de El Salvador), dende as 16:00 horas ata as 19:00 horas e das 21:00 horas ata as 23:30 horas; e cortes intermitentes de tráfico (3 a 5 minutos) na rúa Xeneral Pardiñas (no cruzamento coa República de El Salvador), dende as 11:00 horas ata as 01:00 horas.

O venres 22, cortes intermitentes de tráfico (3 a 5 minutos) na rúa dos Loureiros, dende as 11:00 horas ata as 01:00 horas.

Ademáis, o paso dos vehículos baixo as rotondas superiores da avenida Gonzalo Torrente Ballester con avenida Lugo e da avenida Gonzalo Torrente Ballester con rúa Roma quedarán pechadas ao tráfico entre o 18 e o 22 de setembro en horario nocturno para labores de limpeza e repintado do petril da SC-20. Dous días cortarase o sentido cara a Santiago, e outros dous cara o Polígono do Tambre.